Sendeiro de Parada

Ruta que parte do pobo de Parada , onde deixamos aparcado o noso vehículo.

Aquí podemos coller auga para o camiño e visitar o entorno da igrexa de Santa María, que garda no seu interior ao santo mais querido na contorna, e un dos máis singulares de Galicia, San Bieito Preto. Na Pascua son miles os que veñen en peregrinación á festa  na súa honra.

Este sendeiro circular percorre case toda a parroquia de Parada.

1. Seguimos o camiño asfaltado a Outeiro. Deixamos o pobo e imos cara a zona de Bamba e Bedos, unha zona de enorme riqueza paisaxística, onde recuperamos un antigo camiño que transcorre polo medio dunha carballeira centenaria e poulas.

2. Se optarmos pola ruta curta,  dirixirémonos cara Toxediño polo monte da Costa, cunhas boas vistas panorámicas e entre lameiros. Aquí podemos visitar o seu forno comunal e ir polo pobo da Venda ao encontro da rota longa.

3. Se optamos pola ruta longa, seguiremos cara a Laioso polo camiño vello. Desde aquí poderemos entender a morfoloxía da Limia, xa que saímos da chaira para ir subindo pouco a pouco con fermosas vistas.

4. Atravesaremos unha carballeira antes de chegar a Laioso, onde podemos ver a capela de San Xoán e coller auga na Fonte da Lama.

5. E xa cara a Bréixome de Arriba, podemos camiñar, entre carballos e prados polo Ferradal e As Chousas e ao pé dun muiño de auga ben conservado.

6. Seguimos por camiños tradicionais, ben conservados e imos descendendo de novo. Chegamos á Venda, onde poderemos contemplar e admirar unha das vistas máis impresionantes e fermosas da Limia, co Xurés, o Pico do Mediodía e o Larouco ao fondo.

7. Imos polo antigo camiño da Brea e dirixímonos cara a zona da Lobeira e Cachemendo, un dos lugares máis fermosos da ruta e unha xoia natural da Reserva da Biosfera seguindo o trazado vello por carreiros entre carballeiras e poulas e xa nos encamiñamos cara ao Vieiro e por camiño asfaltado novamente a Parada.

Mapa do Sendeiro

Outros Sendeiros

Pin It on Pinterest

Share This