Historia de Vilar de Santos
Desde moi antigo, os poboadores de Vilar de Santos foron deixando as sinais da súa existencia por todo o territorio do Concello. Restos de mámoas e castros en Laioso, Mosqueiro, Vilar de Santos e Saa, o achádego da ARRACADA castrexa, ademáis de topónimos como Pedra da Anta, o Penedo da Moura ou A Cidá, proban a orixe antiga do noso pobo.
Cando chegan os romanos a Galiza, a poboación de Vilar de Santos pertencía á tribu dos Límicos; toda a comarca estivo sometida a unha intensa romanización, que foi cambiando o modo de vida primitivo. Vilar de Santos non é unha excepción e a presencia romana é especialmente importante, especialmente en Parada de Outeiro onde se ubicaba unha importante “Villa”. Asemade, a Vía Nova, calzada romana que unía Braga con Astorga, pasaba pola parte máis ao sur de Vilar de Santos, quedando numerosos miliarios como testemuñas actuais.
A Idade Media comeza coa invasión dos suevos. Daquela a Limia é unha zona de conflictos polo seu carácter fronteirizo. Séculos despois, constrúense as torres defensivas de Sandiás, Pena, Porqueira e Celme, testemuñas de moitas batallas. Deste período temos restos románicos nas igrexas de Parada e de Vilar de Santos e ata pasaba un importante camiño medieval dende Parada cara á Regueira.
Vaise afianzando o poder da Igrexa coa construcción dos mosteiros de Celanova e Oseira, así como o convento das Clarisas de Allariz.
Na época moderna, igrexa e nobreza teñen o control económico e social sobre a meirande parte da poboación, que era labrega. O territorio de Vilar de Santos, dependente da xurisdicción de Sandiás, estaba dividido en tres partes: unha comprendía Vilar de Santos, Saá e As Casas da Veiga, pertencentes á Encomenda da Orde de Santiago, unha das ordes militares máis importantes de España; ligado á Orde, parece que existíu en Vilar de Santos un Hospital de Peregrinos. Doutra banda, Parada pertence ao señorío do Marqués de Malpica, e Laioso ao señorío de Ozores e Soutomaior.
Vilar de Santos constituirase como Concello, tal e como o coñecemos hoxe en día, no 1836 coa unión das dúas parroquias: Vilar de Santos e Parada de Outeiro.
As primeiras décadas do século XX foron duras. Eran tempos de escaseza e traballo duro; aínda así, durante a República xa contábamos con catro escolas e biblioteca.
No 1936 estala a Guerra Civil, Galiza queda do lado Nacional, e a vida municipal paralízase. Ata tres reemplazos de mozos do pobo foron movilizados para a loita. A posguerra e a dictadura franquista contribúen a endurece-la vida. Imponse a cartilla de racionamento e o “estraperlo”.
A desecación da lagoa de Antela nos anos 50 e 60 provoca un grande impacto e aumenta a emigración cara a outros países e cidades. Os pobos comezan a deshabitarse.
A chegada da democracia cambia a situación nos 70. comenza a vivir un proceso de desenvolvemento socioeconómico e modernización de grande importancia, acompañado dunha clara aposta pola conservación e potenciación da nosa cultura e tradicións, sendo mellor exemplo deste proceso a creación do Museo Comarcal da Limia que, en poucos anos pasa a ser un claro referente na comarca e na provincia; créase tamén o parque empresarial e comenzan os traballos de recuperación da aldea de Saa para o seu aproveitamento turístico
Hoxe en día Vilar de Santos é un concello dinámico, no que o desenvolvemento industrial e económico conviven en armonía coa conservación da natureza e da tradición cultural.
O concello obtén na última década o recoñecemento de distintos organismos que premian o seu labor a prol do desenvolvemento sostible: no ano 2005 Vilar de Santos, xunto cos concellos de Allariz, Rairiz de Veiga e a Bola, obten a distinción da UNESCO como RESERVA DA BIOSFERA.