O Concello de Vilar de Santos puxo en marcha hai uns meses un Plan de Modernización Dixital que contempla a implantación dun conxunto de medidas dirixidas a fomentar a transición do modelo analóxico ao dixital co horizonte deste ano 2018. Os obxectivos son lograr que o Concello evolucione no ámbito dixital mediante a incorporación tanto de novos servizos como na xestión interna municipal.
Neste sentido no mes de novembro modernizamos e actualizamos o portal Web, para mellorar os contidos nun novo formato, adaptado, para os dispositivos móbiles e nas Redes Sociais cara o novo dominio – vilardesantos.gal– así como o novo servizo da Administración Electrónica – vilardesantos.sedelectronica.gal – que será o punto de referencia para as xestións administrativas online do concello, simplificando e facilitando os procedementos, sen papel, en calquera momento e desde calquera lugar con acceso a internet.
Agora engadimos unha peza mais, co lanzamento dunha APP municipal – Vilar de Santos App. Unha Aplicación para instalar en dispositivos móbiles. Esta ferramenta está pensada para potenciar a mobilidade e a participación veciñal, mediante unha aplicación moi sinxela de instalar e manexar.
Vilar de Santos App é unha ferramenta para o servizo público e tamén para a participación veciñal, onde ademais de conectar cos contidos da actualidade municipal, abrimos unha canle de comunicación directa cos veciños e veciñas, facer consultas, enviar incidencias ou suxestións, en cuestións como avarías de auga, saneamento, alumeado público, camiños, mobiliario urbano,…e ao mesmo tempo recibir notificacións e avisos importantes en tempo real.
Os servizos e características de Vilar de Santos App están estruturados en: Actualidade Municipal, Axenda de Actividades, Participación Cidadá: envío de consultas e incidencias, Directorio Municipal, Información práctica dos lugares de Interese, Avisos á cidadanía, Aceso aos contidos multimedia da Web e Notificacións (Push) en tempo real.
Esta primeira versión da aplicación xa está dispoñible para Android a través da plataforma de Google Play, e xa estamos traballando na operatividade a medio prazo na plataforma para dispositivos Apple.
O Concello tamén quere aproveitar esta nova plataforma para potenciar unha nova canle de participación e recibir as aportacións de cara a incorporar informacións ou novos servizos, poder contar coa opinión dos usuarios para verificar o bo funcionamento, as posibles melloras ou calquera outro aspecto da app. Para facilitar este proceso, as achegas poderán ser comunicadas a través do correo electrónico habilitado participa@vilardesantos.com.
Este proxecto de transformación dixital que impulsa o Concello significa aproveitar os avances dos últimos anos, de potenciar e mellorar o que xa existe e incorporar novos procesos que nos permitan ser eficaces e eficientes en todas as áreas municipais e mellorar a nosa relación dixital cos veciños e veciñas. Contamos coa tecnoloxía, para ser unha administración aberta, participativa e capaz de mostrar en todo momento o que facemos, sinala o alcalde Xan Jardón.