O Concello de Vilar de Santos organiza para este verán novamente o Campamento de Verán, ata o mes de setembro, polas mañás para os mais pequenos de 3 a 12 anos. O Campamento desenvolverase todos os días de luns a venres en horario de 10 a 14 horas, para dar comezo o vindeiro luns 1 de xullo.
Pretendemos ocupar o ocio e o tempo libre dos rapaces durante o período de vacacións de verán e ademais, facilitar a corresponsabilidade e a conciliación das familias incorporando un servizo complementario que facilita a conciliación de 9-10 horas e de 14-14.30 horas para aquelas familias que o necesitan.
Este proxecto xurde para dar resposta á necesidade de coidar e atender ós nenos e nenas no período de vacacións escolares, onde gozan da oportunidade de compartir experiencias nun espazo lúdico e educativo. Desenvolvendo valores dende un modelo educativo e unha metodoloxía baseada en actividades lúdicas e no xogo, nun ambiente de confianza e cooperación, que axudan a empregar o tempo de lecer e o tempo libre dun xeito construtivo ó mesmo tempo que cumpran as súas motivacións e intereses coñecendo o medio e o concello.
As actividades que se levarán a cabo distribúense en diversas áreas: área deportiva con fútbol, baloncesto, volley, hóckey, bádminton. Área multiaventura con tiro con arco, piscina, deportes acuáticos, gymkhanas. Área lúdica- cultural con obradoiros de camisetas, maquillaxe, creación de pulseiras e abelorios, globoflexia e Área da alimentación e saúde con cociña creativa, día do baile, hábitos saudables. Tamén haberá algunha saída.
Este espazo contará coa coordinación a cargo da empresa Mais Escola 21 e a intervención con profesionais de diferentes ámbitos: maxisterio, psicopedagoxía, a animación sociocultural e da Educación Social.
O pasado xoves houbo a presentación ás familias do cronograma de actividades e o equipo de monitores.
O Campamento de Verán é un éxito innegable. Nesta edición tivemos que habilitar máis prazas, para poder acoller e atender a todos os nenos e nenas inscritos ata o pasado 21 de xuño. Están inscritos 105 nenos e nenas de Vilar de Santos e de toda a comarca nas diferentes quendas.
Co Campamento de Verán queremos ofrecer un servizo máis aos nosos veciños e veciñas pero tamén pretendemos dinamizar e tamén atraer e xerar atractivo para as persoas que queiran vir a Vilar de Santos e participen nas numerosas actividades programadas neste verán e que ofrecen alternativas lúdicas para o tempo libre, e a participación nos diferentes espazos e lugares do concello. Na piscina municipal, na Aula Cemit de novas tecnoloxías. Ademais haberá teatro, a festa das Neves, cine de verán. No Museo da Limia, as Noites do Museo, a parte de poder visitalo no horario de apertura habitual e algunha sorpresa máis nun verán de actividades.