Vilar de Santos recuperará a Aldea de Saa para reconvertela nun espazo para a divulgación da experimentación e aprendizaxe do pasado.

O Concello de Vilar de Santos conta para a súa execución cunha axuda de 23.189,20€ do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, co-financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

Acometeranse diferentes actuacións de recuperación patrimonial, paisaxística e mellora do entorno do núcleo de interese etnográfico e arqueolóxico da Aldea de Saa para a creación do parque didáctico SApere Aude, un entorno atractivo para colectivos de infancia e xuventude no que coñecer de primeira man como eran os procesos de elaboración e uso de ferramentas no pasado, os tecidos, a cerámica, os oficios, o traballo no agro, a relación co medio, etc. 

En Vilar de Santos, 13 de maio de 2022.- A aldea de Saa, moi próxima á capital do municipio de Vilar de Santos, foi abandonada no ano 1969. Na primeira década do século XXI asinábase un convenio entre a Consellería de Industria da Xunta de Galicia e o Concello de Vilar de Santos para a súa recuperación turística. Pretendíase daquela a construción dun edificio para cantina e restaurante, apartamentos, unha oficina de información turística, espazos de artesanía, forno, hortas e a posta en valor doutros espazos e elementos de interese etnográfico.

Con ese horizonte redactaríase un Plan Especial de recuperación do núcleo e acometeríanse obras de restauración nos seguintes anos. O obxectivo pasaba por recuperar as edificacións para que no futuro puideran desenvolverse actividades ligadas ao sector turístico, tamén como aula de formación e, incluso, a instalación dun mesón e aloxamentos para turismo rural. Actuacións encamiñadas á posta en valor dos recursos que axudaran a revalorizar os recursos naturais do municipio.

Malia a ter completada a restauración das unidades construtivas o proxecto de explotación da aldea de Saa nunca foi concluído. Permanecendo estas pechadas durante anos e sendo vítimas de ataques vandálicos e roubos. Resultando como consecuencia un problema de seguridade e salubridade para o enclave natural no que se empraza.

Procurando reverter esta situación o Concello de Vilar de Santos encetaría un novo proxecto que permitira recuperar o patrimonio natural e cultural asociado ao núcleo etnográfico ao tempo que promovera a súa dinamización futura para que non volvera a caer no abandono. Redactouse un proxecto de recuperación patrimonial, paisaxística e mellora do entorno do núcleo de interese etnográfico e arqueolóxico da Aldea de Saa para concorrer á convocatoria da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local participativo) da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2021 e 2022, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. (Procedemento MR701D – Axudas LEADER. PDR de Galicia 2014-2020).

O orzamento total da actuación ascende a 29.505,92€ e o Concello de Vilar de Santos conta cunha porcentaxe de axuda do 80% (23.189,20€). Iniciados os trámites de contratación, a empresa adxudicataria Equipo EME comezará nas próximas semanas as obras que deberán estar concluídas á volta do verán.

Un espazo complementario ao Museo Etnográfico da Limia

O mal estado dalgunhas das edificacións obrigará a acometer importantes actuacións de saneamento, recuperación paisaxística e mellora do entorno sobre todo o conxunto e sobre cada unha das edificacións en particular. Dende a alcaldía do Concello de Vilar de Santos, Antonio Miguez, insisten en que este é un primeiro paso necesario para frear o deterioro que estaba sufrindo o lugar pero que non será o derradeiro. “As limitacións orzamentarias non nos permiten acometer unha inversión maior coa que recuperar a totalidade das edificacións, pero iso non pode ser escusa para non actuar”. Posteriormente executaranse accións de recuperación patrimonial de dúas das catro unidades construtivas, convertendo unha nun centro de recepción de visitantes autónomo e outra nunha aula didáctica que deberá actuar de complemento ao programa expositivo do Museo Etnográfico da Limia.

O Parque Didáctico SApere Aude pretende emerxer como un espazo para a divulgación da experimentación e aprendizaxe do pasado. Preténdese crear un entorno atractivo para colectivos de infancia e xuventude no que coñecer de primeira man como eran os procesos de elaboración e uso de ferramentas no pasado, os tecidos, a cerámica, os oficios, o traballo no agro, a relación co medio, etc. Temáticas asimilables ás expostas no Museo Etnográfico da Limia, situado a poucos metros do propio núcleo de Saa. Actuando ambos espazos así como elementos complementarios nunha mesma visita didáctica ao lugar. Con esta finalidade acometeranse outras accións de mellora como:

– Habilitar unha zona de descanso e esparexemento coa instalación de mesas e bancos de granito.

– Creación dunha zona de experimentación de ferramentas. Na que os participantes poderán familiarizarse cos utensilios creados dende a Prehistoria para alimentarse e cubrir todas as tarefas. Será necesario habilitar varios espazos para o traballo de líticos, metais, madeira, caza, etc. Un recurso educativo complementario á Sala 6 do Museo da Limia dedicado aos oficios e as ferramentas.

– Creación dunha zona de experimentación de construcións, pinturas, expresións artísticas… Aproveitándose os alzados existentes das antigas construcións. Sendo necesaria o seu revoco con materiais resistentes á exposición ao aire libre. Un recurso educativo complementario á Sala 4 do Museo da Limia dedicada á casa.

– Creación dunha zona de experimentación de cultivos, procurando crear un recurso educativo alternativo que favoreza a aprendizaxe activa, por descubrimento e cooperación. Recurso educativo complementario á Sala 3 do Museo da Limia dedicada aos cultivos.

Unha escavación arqueolóxica para investigar o pasado do Concello 

O escudo do Concello de Vilar de Santos representa unha fermosa arracada ou pendente de ouro hoxe depositada no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Os estudosos datan o seu uso en época castrexa e romana, ligando a súa procedencia a contorna inmediata da aldea de Saa onde téñense catalogado dous importantes xacementos arqueolóxicos.

A actuación prevista nos próximos meses no lugar acometerá tamén unha escavación arqueolóxica de tipo sondaxe no terreo no que foron recuperados diferentes restos potencialmente adscritos a ese xacemento de Saa. Preténdese con esta actuación valorar a potencialidade arqueolóxica do solar de cara ao impulso de futuras campañas de investigación e, ao tempo, crear un recurso didáctico para ilustrar a metodoloxía arqueolóxica e a historia do municipio.

Visita do alcalde Antonio Míguez á aldea de Saa xunto co responsable da empresa que acometerá as obras

Visita do alcalde Antonio Míguez á aldea de Saa xunto co responsable da empresa que acometerá as obras

Varias imaxes da aldea de Saa na actualidade

Aldea de Saa - Vilar de Santos

Aldea de Saa - Vilar de Santos

Pin It on Pinterest

Share This