Nos próximos días o Concello de Vilar de Santos repartirá centos de bolsas de tela con diverso material informativo no seu interior. O obxectivo é promover a igualdade entre a súa veciñanza e dotala de ferramentas para combater a violencia machista.
En Vilar de Santos, 8 de marzo de 2021.- “Por elas, por nós, por todas!” é o lema escollido este ano pola área de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Vilar de Santos para conmemorar o Día Internacional da Muller. Baixo este emblema repartiranse directamente aos domicilios centos de bolsas de tela con material informativo no seu interior. Entre este destacan contidos informativos e ferramentas para combater a violencia machista.
Outro obxectivo complementario da campaña será a necesidade de visibilizar o papel fundamental xogado pola muller rural ao longo da historia. Traballadoras infatigables no ámbito doméstico, pero tamén noutras tarefas ligadas co agro, a gandería, o tecido… É por iso que dende a administración local animan á veciñanza a participar enviando unha fotografía (pasada ou presente) de mulleres de Vilar de Santos nas súas faenas diarias ao correo-e servizos.sociais@vilardesantos.com ou directamente nas propias redes sociais do concello. Con todas elas construirase un mosaico dixital en prol da igualdade. O prazo para enviar as fotografías (sen número mínimo nin máximo) remata o 28 de marzo. Non importa a calidade da imaxe, nin teñen que ser recentes. O único requisito é que dalgún modo expresen a condición fundamental imprescindible da muller na nosa comunidade.
Sobre a campaña o alcalde Xan Jardón, afirma “a historia de Galicia ten unha débeda pendente coa muller labrega, gandeira, artesá… Como recitaba Manuel María son pasado, pobo, presente, alma e futuro de Galicia. E así entendémolo nós tamén dende a alcaldía de Vilar de Santos. Ás veces, normalmente dende ámbitos urbanos, transmítese un estereotipo errado da muller rural cando en realidade son axentes sociais activos, traballadoras infatigables nos coidados da casa pero tamén da comunidade. A campaña deseñada dende os nosos Servizos Sociais e de Igualdade pretende precisamente xirar o foco cara esa perspectiva e amosar ese traballo invisible silenciado ao longo do tempo”.