O  Concello de Vilar de Santos conseguiu 159.545,61 euros nunha axuda estatal do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía- IDAE do Ministerio para la Transición Ecológica dentro do Programa de axudas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono co proxecto de “Renovación das instalacións de alumeado público no concello de Vilar de Santos” por un importe de 199.432,01 euros, coa que financiar unha primeira fase dun ambicioso proxecto de renovación global da iluminación pública de todo o concello.

O Concello elaborou un Estudio de Sustentabilidade Ambiental da iluminación pública municipal, realizado en novembro do 2016, un instrumento de planificación, xestión e seguimento que ordena de xeito integral os esforzos a realizar en materia de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público. Nel puidemos comprobar o funcionamento, o estado dos compoñentes, os consumos enerxéticos e os custes de explotación e sobre todo e máis importante, determinar as prioridades de actuación e as fases previstas para levalas a cabo, co obxecto de mellorar a eficiencia e reducir o consumo enerxético e o gasto económico; adecuar e adaptar as instalacións á normativa vixente, os niveis de iluminación regulamentarios e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Vilar de Santos conta con 19 instalacións de iluminación pública en todo o concello. Esta rede de iluminación implica o maior porcentaxe do gasto enerxético municipal. Con este proxecto financiado polo IDAE e coas reformas previstas actuaremos nesta fase en Barrio, Vilar de Santos, a travesía de Vilar de Santos-Castelaus, nas Casas da Veiga e no pobo de Castelaus que engloban máis da metade do alumeado público. Substituiremos 300 luminarias de vapor de sodio de alta presión e baixo consumo, por lámpadas con tecnoloxía de semicondutores LED que na súa fabricación non conteñen mercurio. As lámpadas e equipos que integran as novas luminarias incorporan equipos autoregulables que funcionan con programación reducindo os niveis de iluminación a partir dunha hora determinada. Os centros de mando e control do alumeado tamén incorporarán melloras con descargadores de sobretensión permanente e transitoria, diferenciais rearmables e reloxos astronómicos.

Prevemos  unha redución total nas emisións de CO2, unha vez realizadas as reformas propostas, de 36.411 kg de CO2 anuais.  Producirase un descenso da potencia contratada do 46% o que implica que o concello vai pagar só pola potencia que necesita, o que suporá un aforro económico directo segundo prezos de mercado actuais na factura municipal da luz do 72%, ao que tamén temos que engadir o aforro previsto no gasto de mantemento, practicamente do 100%.

Nas seguintes fases ata o 2020, todos os proxectos de iluminación do concello deseñáranse seguindo o Estudio de Sustentabilidade Ambiental da iluminación pública municipal, e introducindo as tecnoloxías máis adecuadas para buscar o máximo nivel de eficiencia/optimización na aplicación dos recursos orzamentarios e garantir o máximo grao de viabilidade e sostibilidade nas actuacións propostas para o cambio a  LED na iluminación pública de todos os pobos do concello.

Compre lembrar que en novembro de 2017 substituímos a iluminación convencional no Parque empresarial, por lámpadas con tecnoloxía LED cuns resultados completamente satisfactorios que nos permitiu reducir nun 68 % o consumo enerxético e un aforro económico directo segundo prezos de mercado en torno ao 35%, da potencia nun 50% e as emisións de CO2 en 13.999,30 kg/ano.

Imos ter unha mellora substancial na calidade e eficiencia do alumeado municipal e sobre todo imos manter os consumos controlados e axustados, con aforros inmediatos, importantes e significativos, a pesar da suba enerxética para destinalos e atender outras necesidades e solicitudes  veciñais. Diñeiro que poderemos destinar a outros proxectos cos que pretendemos seguir modernizando e mellorando os servizos municipais, con medidas que reflicten o noso compromiso irrenunciable cuns servizos públicos cada vez máis amplos e de maior calidade.

Pin It on Pinterest

Share This