A dinamización económica ten sido un obxectivo prioritario para o Concello de Vilar de Santos, optando polo aproveitamento e posta en valor dos nosos recursos e impulsando un modelo de desenvolvemento socioeconómico propio con infraestruturas e servizos públicos de calidade.
O Concello impulsa un Plan de acción cunha estratexia definida de xestión que ordena de xeito planificado medidas concretas na totalidade do territorio municipal e nos distintos sectores produtivos co obxectivo de dinamizar a actividade económica para incentivar a instalación de novas empresas e negocios.
A participación no Programa “Concellos Doing Business Galicia”, a potenciación do Parque Empresarial de Santa Marta, a modernización e diversificación do sector agrario e os servizos, mellorar as infraestruturas tecnolóxicas co acceso á fibra óptica son algunhas das oportunidades que o Concello quere impulsar para fortalecer o asentamento de empresas e negocios, captar novas empresas en sectores en crecemento e favorecer o emprendemento no concello.
Desta maneira, na sesión plenaria do 1 de febreiro de 2018, o Concello adheriuse á iniciativa “Concellos Doing Business Galicia – Concello emprendedor” entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia que contemplou diversas medidas, agora xa en vigor e habilitadas na Comisión Técnica do 27 de marzo:
- Aprobación das modificacións fiscais na Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre bens inmobles- IBI, na Ordenanza reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras – o ICIO e na Ordenanza reguladora do imposto sobre Actividades Económicas- IAE, fixando bonificacións do 50% ata o 95% durante un período de 3 anos para proxectos novos ou ampliacións dos existentes que creen emprego.
- Compromiso de resolución das solicitudes de obra maior nun período máximo de 30 días naturais dende que o concello dispón da documentación completa e de todos os informes sectoriais preceptivos. Seguridade xurídica, competencia técnica e axilidade nos trámites de licenza.
- O Parque Empresarial queda incluído no Observatorio de Solo Empresarial creado pola Xunta.
- Discriminación positiva para o Concello nas subvencións destinadas a investimentos e gastos no ámbito industrial, do emprego e do emprendemento
- O concello formará parte da marca territorial asociada á Oficina Doing Business. Como plataforma de colaboración para reducir as cargas administrativas ás empresas e que funcione a modo de xanela única.
Ademais o concello, adoptou outras medidas complementarias importantes que reforzan este impulso:
- As taxas e impostos municipais para 2018 permanecerán conxeladas, o mesmo que no 2015, no 2016 e no 2017. Os posibles aumentos nos custes dos servizos non serán repercutidos e serán asumidos polo concello.
- Outra medida importante: a posta en marcha en abril do Centro de Iniciativas. Este novo servizo municipal reforza toda a dotación de infraestruturas e equipamentos públicos do concello para poñer á disposición dos emprendedores un espazo integral de servizos.
- Posta a disposición e venta pública do solo industrial dispoñible no Parque Empresarial de Santa Marta, 000 m2, cun prezo final fixado de 20 euros/ m2. Un prezo moi competitivo, social e responsable. Con esta decisión, o concello pretende axudar ás empresas e proxectos empresariais que necesitan solo industrial para establecerse.
- Facilitar a adquisición das parcelas do solo industrial do Parque Empresarial mediante o Arrendamento con opción de compra, polo cal o concello concede aos arrendatarios, un dereito de opción de compra da parcela. A renda queda fixada no 6% anual do prezo de venda de cada parcela. O prazo de duración do contrato de arrendamento será de 2 ou 4 anos.
- Priorizar a instalación de proxectos, servizos e empresas do sector agrario e agroalimentario, estratéxico no concello e na Limia.
A Axencia de Desenvolvemento Local do Concello reforzará o seu labor de apoio ás empresas asentadas no concello, ás novas, á formación, á xestión de axudas e subvencións de interese, a asistencia para os emprendedores, así como novas accións de promoción das empresas e dos diferentes sectores de actividade no concello.
Coa capacidade e garantía do concello acometeremos os investimentos necesarios nas infraestruturas e servizos públicos con actuacións que demostran a aposta do grupo de goberno municipal por seguir impulsando un modelo de desenvolvemento propio, que fomenta e apoia a economía produtiva, a diversificación dos nosos recursos e un paso mais no noso obxectivo de que Vilar de Santos siga a ter unha transformación positiva, teña mais posibilidades e sexa un espazo atractivo para as persoas, as empresas e para novos proxectos e negocios
– Xan Jardón (Alcalde de Vilar de Santos) –