Vilar de Santos estrea caixeiro automático para combater a perda de servizos no rural
Representantes de Abanca supervisaban a posta en funcionamento no Concello de Vilar de Santos acompañado do alcalde, Antonio Míguez, e parte do seu equipo de goberno.
Trátase dunha acción enmarcada no acordo asinado entre a entidade bancaria e a Xunta de Galicia para garantir a cobertura no rural.
En Vilar de Santos, 27 de maio de 2022.- Vilar de Santos contará dende hoxe cun novo caixeiro instalado na planta baixa do edificio consistorial. Un equipamento que é consecuencia do acordo asinado entre a entidade Abanca e a Xunta de Galicia para garantir a cobertura deste servizo no rural.
Vilar de Santos formará parte deste modo dos 36 municipios rurais galegos que contarán con este equipamento. Está previsto que o proceso de instalación remate no primeiro semestre deste ano 2022.
Representantes da entidade, acompañados polo alcalde, Antonio Míguez, e parte do seu equipo de goberno, supervisaban na mañá de onte a posta en funcionamento do caixeiro. En palabras do alcalde, Antonio Miguez, “se queremos de verdade loitar contra o despoboamento no medio rural aquí temos que ter os mesmos servizos que existen nas cidades. Accións como esta permítenos seguir avanzando no desenvolvemento do concello e na mellora da calidade de vida presente de todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos, pero tamén garantir o seu futuro”.