Este sábado 22 de febreiro, fin de semana grande do entroido, abriu as súas portas o primeiro hostel rural da provincia de Ourense na antiga escola do Concello de Vilar de Santos. A sociedade cooperativa Xeitura será a responsable da súa xestión por tres anos de concesión co fin de “dinamizar e poñer en valor todos os atractivos paisaxísticos, culturais, naturais e gastronómicos da Limia e especialmente da Reserva da Biosfera Área de Allariz”, apunta o ambientólogo Raúl Fernández, coordinador das instalacións.
Cunha estética claramente inspirada no contexto rural e natural no que está emprazado, o hostel conta con 6 habitacións con capacidade para un máximo de 28 persoas. “Dispoñemos de aloxamento para grupos de 8, 6 ou 4 persoas pero tamén habitacións privadas para parellas ou persoas que viaxan en solitario”, incide Raúl Fernández. E é que ademais dun lugar onde durmir A Escola, nome que manteñen do seu antigo uso como centro escolar rural, tamén dispón de varias zonas comúns como salón, zona de xogos, comedor, cociña, xardín, taller para bicis e ata un rocódromo. Así é que se pretende, nas súas palabras, “non só ofertar un lugar onde durmir, senón un lugar sociable no que todo pode suceder. Un lugar no que vivir unha experiencia extraordinaria, potenciando a creatividade o intercambio de coñecementos. O punto de inicio dun sen fin de aventuras”.
Rutas en bicicleta pola antiga Lagoa da Antela, rutas de sendeirismo polo corazón da reserva da Biosfera de Allariz, varios eventos culturais, formativos e recreativos son só algúns dos exemplos cos que se pretende dinamizar o municipio e a comarca dende este hostel. Actividades que a criterio do seu alcalde, Xan Jardón, “encaixan perfectamente co proxecto que sempre defendemos para Vilar de Santos, un concello que acolle e apoia á mocidade e a súa iniciativa emprendedora. A Escola é para o noso grupo de goberno outra aposta das moitas que temos impulsado
cara un modelo de desenvolvemento propio, que poña en valor os nosos recursos con proxectos innovadores e singulares”.
Na mañá deste sábado, coincidindo coa fin de semana grande do entroido, A Escola abrirá as súas portas con todas as prazas cubertas. Coñecedores ademais da importancia da integración do hostel na comunidade local, Xeitura convidará na mañá do próximo xoves 27 a toda a veciñanza de Vilar de Santos a coñecer de primeira man a reforma das instalacións e recoller o seu Carné de amigos da
Escola. Un documento polo que se lles ofrecerán descontos a todos os clientes que chegan ao hostel acompañados por algunha persoa censada no municipio.
A cooperativa Xeitura xestionará por tres anos de concesión as instalacións hosteleiras co fin de “dinamizar e poñer en valor todos os atractivos paisaxísticos, culturais, naturais e
gastronómicos da Limia e especialmente da Reserva da Biosfera Área de Allariz”.