A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu esta tarde en San Caetano ao alcalde de Vilar de Santos, Xoán Xosé Jardón, para avanzar en diferentes aspectos relacionados coa mellora das infraestruturas do agro e da calidade de vida dos veciños deste concello ourensán.
Entre outras cuestións, abordaron as vinculadas co regadío, a mellora das comunicacións, as concentracións parcelarias –caso da de Guillamil-Sabariz– ou o posible apoio da Consellería á posta en valor da maquinaria municipal destinada á prevención de incendios forestais. Na xuntanza de traballo tamén participou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois.
Fonte: www.xunta.gal