O Concello de Vilar de Santos puxo en marcha hai uns meses un Plan de Modernización Dixital que contempla a implantación dun conxunto de medidas dirixidas a fomentar a transición do modelo analóxico ao dixital co horizonte do 2018. As novas tecnoloxías e Internet convertéronse nunha ferramenta fundamental para axilizar e dotar de maior eficiencia a relación que mantemos cos nosos veciños e veciñas. Os obxectivos son lograr que o Concello evolucione no ámbito dixital mediante a incorporación tanto de novos servizos como na xestión interna municipal, utilizando para iso solucións completas e integradas.

Neste sentido modernizamos e actualizamos o portal Web, para mellorar os contidos nun novo formato, adaptado, cunha maior presenza nos dispositivos móbiles e nas Redes Sociais cara o novo dominio, vilardesantos.gal que xa está operativo. Poderemos compartir directamente os contidos en calquera aplicación social. Vilardesantos.gal presenta un deseño máis moderno, limpo, cos contidos máis accesibles e adáptase a calquera dispositivo de navegación. Ademais tamén permite crear novos apartados dun xeito máis doado de cara a adaptarse con maior axilidade ás necesidades informativas e de comunicación do Concello.

Vilar de Santos levaba usando a Web e o dominio vilardesantos.com desde o ano 2000. Un tempo no que foi medrando e consolidándose. Nesta última etapa foron patentes as limitacións técnicas, acentuadas pola irrupción das redes sociais, dos novos dispositivos móbiles e tamén dunha maneira distinta de acceder á información. Esta foi unha das razóns de levar adiante esta nova versión creada pola empresa Ainet. Unha versión mellorada, adaptada ao emprego do móbil e as redes e en permanente actualización. A estrutura da nova Web persegue estruturar os contidos en función do interese de quen a visite. A cidadanía contará con toda a información necesaria sobre o Concello, todos os servizos e a información puntual sobre a vida municipal.

A nova Web tamén incorporará unha APP municipal que estamos ultimando en probas e que estará operativa en xaneiro. Permitirá non só acceder a contidos de interese, senón que permitirá comunicar de xeito electrónico ao concello incidencias, facer consultas,… en cuestións como avarías de auga, saneamento, alumeado público, camiños, mobiliario urbano, etc. Unha ferramenta máis que potenciará a mobilidade e a participación veciñal.

A outra gran novidade da Web, é a incorporación do novo servizo da Administración Electrónica,  para dar cumprimento ás esixencias e normativas legais actuais e futuras. O concello irá introducindo paulatinamente este servizo nos seus procedementos. Dentro deste proceso estase abrindo a sede electrónica – vilardesantos.sedelectronica.gal –  que será o punto de referencia para as xestións administrativas online co Concello, de información e de transparencia municipal co obxectivo de converter ao concello nunha Administración sen papel, baseada nun funcionamento, que non só sirva mellor aos principios de eficacia e eficiencia, ao aforrar custos, senón que tamén reforce as garantías dos veciños nas xestións coa administración: simplificando e facilitando os procedementos con transparencia, en calquera momento e desde calquera lugar con acceso a internet.

Este proceso iniciouse no mes de agosto para implantar a Administración electrónica na actividade diaria e os servizos municipais, coa plataforma Gestiona e a necesaria formación e acompañamento do persoal dos diferentes servizos municipais, ademais da adquisición de novos equipos. O principal obxectivo é facilitar aos cidadáns as xestións na institución local e tamén suprimir o papel dos diferentes expedientes.

Unha vez implantada definitivamente de forma interna, empezará a funcionar cara o exterior. Así, os veciños poderán acceder de forma telemática, coa súa identificación e un contrasinal ao Concello para realizar calquera xestión, que pasará ao departamento municipal correspondente para a súa resolución. Tamén poderán recibir unha resposta pola mesma vía e, ademais, consultar calquera expediente que estean a tramitar para coñecer a súa situación. Pero desde este momento xa poden acceder á Sede Electrónica. O rexistro municipal xa se encontra plenamente operativo, así como o xestor de expedientes, abrindo nas primeiras semanas algún trámites, o rexistro online, así como a integración con todos os aspectos relacionados coa factura electrónica. Paulatinamente iranse implementando o resto de servizos.

O Concello tamén quere aproveitar esta nova plataforma para abrir unha nova canle de participación e recibir as aportacións de cara a incorporar informacións ou novos servizos. Para facilitar este proceso, as achegas poderán ser comunicadas a través do correo electrónico habilitado participa@vilardesantos.com.

Este proxecto de transformación dixital que impulsa o Concello significa aproveitar os avances dos últimos anos, de potenciar e mellorar o que xa existe e incorporar novos procesos de xestión e métodos de traballo que nos permitan ser eficaces e eficientes en todas as áreas municipais e mellorar a nosa relación dixital cos veciños e veciñas. Contamos coa tecnoloxía, para ser unha administración aberta, participativa e capaz de mostrar en todo momento o que facemos, sinala o alcalde Xan Jardón.

Pin It on Pinterest

Share This