Deputación de Ourense pon en marcha un programa experimental de Termalismo contra a deterioración cognitiva leve (DCL), coa fin de afondar na detección temperá de enfermidades neurodexenerativas e na xeración de hábitos saudables como a actividade física de mantemento.
Este programa é froito da colaboración pública da institución provincial co terceiro sector, -a través da Asociación Afaor-, e basearase no desenvolvemento de talleres de estimulación cognitiva combinados con actividade física de prevención e mantemento na auga mineromedicinal termal das piscinas dos balnearios.
A primeira actuación do programa experimental iniciarase o próximo 9 de xuño no Balneario OCA Vila de Allariz e o prazo para solicitar praza comeza este luns, 2 de xuño.
O prezo subvencionado do programa será de 75 euros polos catro meses de talleres, as prazas poderanse solicitar desde o luns 2 de xuño por internet na dirección www.raiatermal.com ou presencialmente na área de Benestar da Deputación de Ourense, na Asociación Afaor ou a través dos servizos sociais municipais que así o consideren.
Para calquera dúbida estará a disposición os teléfonos da institución provincial, 988317863, de 8:30 a 14:30.
