O ALCALDE DE VILAR DE SANTOS REUNESE CO XERENTE DO CONSORCIO GALEGO DE IGUALDADE E BENESTAR, PERFECTO RODRÍGUEZ MUÍÑOS

O xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez recibiu ao Alcalde de Vilar de Santos, onte 7 de abril.

Na entrevista mantida, o alcalde, trasladoulle ao xerente do Consorcio a necesidade de apoio e colaboración no proxecto de ampliación do Centro de Día-Vivenda Comunitaria de Vilar de Santos, xestionado tamén polo Consorcio de Igualdade e Benestar e posto en marcha polo Concello xa no ano 2008 co obxectivo prioritario de atención ás persoas maiores no seu entorno. Trátase dun Centro polivalente que combina nun mesmo edificio as posibilidades dun centro de día cunha zona residencial de vivenda comunitaria con espazos comúns complementarios e servizos integrados e actividades cunha atención especializada e de calidade.

Agora desde o Concello pretendemos ampliar o Proxecto do Centro con novos recursos para poder dar unha atención integral e poder transformalo nun Fogar Residencial con 14 prazas que cubra todas as necesidades dos veciños e veciñas.

O alcalde, Antonio Miguez fixo unha valoración positiva da entrevista mantida, xa que lle puidemos trasladar directamente ao xerente do Consorcio as necesidades e proxectos dun concello que ten optado polo aproveitamento e posta en valor dos recursos para dotarse de infraestruturas e servizos públicos de calidade e crear as condicións para garantir e seguir avanzando na calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas.

Vilar de Santos, a 8 de abril de 2022.

Pin It on Pinterest

Share This