Vilar de Santos contará co respaldo económico da Deputación de Ourense para proxectos de eficiencia enerxética, infraestruturas e cultura.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou na mañá de hoxe o Concello de Vilar de Santos acompañado do alcalde, Antonio Míguez, e parte do seu equipo de goberno.

Na reunión ratificáronse importantes proxectos en materia de eficiencia enerxética no lugar do Vieiro e no Centro de Día, así como a humanización e mellora das rúas Fornos e Seixo e a pavimentación nas pistas da parcelaria en Casas da Veiga.

No Día Internacional dos Museos Concello e Deputación comprométense a garantir a apertura e funcionamento do Museo Etnográfico da Limia.

 

En Vilar de Santos, 18 de maio de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou esta mañá o Concello de Vilar de Santos para ratificar nunha reunión de traballo co novo alcalde, Antonio Míguez, o apoio do goberno provincial a catro proxectos relacionados cos ámbitos da eficiencia enerxética, infraestruturas e cultura. Cun importe global superior a 100.000 euros, estas actuacións serán incluídas no expediente de modificación de créditos que se presentará ao pleno da institución provincial no mes de setembro.

Manuel Baltar explicou que os proxectos nos que vai a cooperar o goberno provincial xa foran analizados durante o encontro que mantivo no Pazo Provincial co novo alcalde, logo da súa toma de posesión no pasado mes de marzo. “Este Concello é un exemplo de dinamización do medio rural e nós imos seguir acollendo iniciativas que vaian neste sentido, respondendo aos concellos como administración máis próxima á veciñanza e desde a Deputación como máis próxima aos concellos“.

Antonio Míguez expresou o seu agradecemento e o do equipo de goberno por esta visita institucional a Vilar de Santos, así como tamén “por contar co apoio da Deputación, básico para os concellos que somos máis pequenos“.

Os proxectos que contarán con financiamento por parte da Deputación pertencen ao ámbito da eficiencia enerxética, a realizar no lugar de Vieiro e na zona do Centro de Día (52.000 euros); a humanización e mellora das rúas Fornos e Seixo, incluídas na Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Vilar de Santos (27.000 euros); a pavimentación de pistas da parcelaria en Casas da Veiga (18.000); e para o mantemento e funcionamento do Museo Etnográfico da Limia (12.000). Precisamente, o presidente da Deputación visitou este espazo museístico ao acabar a reunión desta mañá no Concello de Vilar de Santos.

 

Visita do presidente da Deputación de Ourense ao Museo da Limia.

Pin It on Pinterest

Share This