Nestes últimos anos un dos obxectivos básicos do Concello de Vilar de Santos ten sido promover proxectos de recuperación e rehabilitación do patrimonio construído e dos espazos públicos cunha estratexia que ordena de xeito planificado proxectos de intervención con actuacións en todos os pobos do concello.
Así, con financiación do Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, Concello e propietarios; no marco do acordo da Comisión Bilateral celebrada o 26 de outubro pasado relativo á Área de Rexeneración e Renovación Urbana núcleo de Vilar de Santos, do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, anualidade 2018 asinouse o convenio que significa unha nova fase para as actuacións previstas na ÁRI de Vilar de Santos cunha inversión prevista de 85.632 euros.
A Área de Rehabilitación Integral-ARI, agora Área de Rexeneración e Renovación Urbana de Vilar de Santos foi declarada con data 21 de xuño de 2011, polo IGVS é un Proxecto Municipal que delimita un ámbito e unhas prioridades de actuación de rehabilitación no que están incluídas vivendas, construcións complementarias, equipamentos, ademais das rúas e os espazos públicos que conforman o núcleo.
Nesta nova anualidade do convenio haberá unha nova convocatoria de axudas dirixidas aos propietarios das vivendas para a execución das obras. A nova fase de subvencións permitirá afrontar as actuacións de rehabilitación coas axudas económicas previstas na ordenanza, en 2 novas vivendas para o ámbito da ARI. O Concello canalizará toda a información e a xestión das axudas a través da Oficina de Rehabilitación. A súa principal función será facilitar e ofrecer un asesoramento técnico continuado, informes e memorias de obras, así como a tramitación de toda a documentación. Lembrar que na primeira fase da ARI, culminada no ano 2015, aprobáronse as Bases reguladoras da primeira convocatoria de subvencións para a rehabilitación que permitiu actuacións en once vivendas. Unha nova fase no 2016 permitiu obras en tres vivendas mais. Na anualidade 2017 houbo unha nova vivenda rehabilitada.
Outra das prioridades de actuación na Area de Rehabilitación Integral é a urbanización e mellora dos espazos públicos que a conforman, polo que nestes momentos temos en execución o Proxecto de mellora e humanización na rúa da Saínza, a rúa do Forno e a rúa do Pasadizo, cun investimento total de 215.000 euros, aprobados pola Consellería de Medio Ambiente.
Os traballos incluídos neste proxecto de humanización consisten na renovación da rede de saneamento e pluviais, que actualmente presenta deficiencias. Renovarase a rede de abastecemento de auga potable existente con novas canalizacións, válvulas e acometidas. Executaranse os traballos de soterramento das liñas eléctricas de baixa tensión da zona de actuación, desmontando varios tramos aéreos existentes e instalando as novas liñas eléctricas en canalizacións subterráneas. Tamén se realizarán os traballos de soterramento da iluminación pública da zona de actuación, instalando novas luminarias LED, así como o soterramento das liñas de telefonía, colocando novas canalizacións subterráneas e por último procederase cos novos pavimentos, que combinan o formigón con zonas de lastras de pedra de granito.
Esta obra é a primeira fase do Proxecto de mellora xeral no resto das rúas e espazos públicos que conforman a Área de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos que foi e segue a ser unha actuación pioneira e innovadora. Vilar de Santos é o único municipio rural da provincia que conta cunha Área deste tipo xa que as outras, correspóndense con núcleos históricos e cidades.
Para o grupo de goberno do concello, significa darlle continuidade a un ambicioso proxecto de humanización e recuperación adaptado á nosa realidade, poñendo en valor espazos en todos os pobos do concello e co mesmo modelo de actuación previsto para fomentar un urbanismo responsable e sustentable, para promover o uso das zonas públicas, potenciando a relación e a integración das persoas reurbanizando os entornos e as zonas deterioradas con novas funcionalidades para garantir a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas.