Con financiación do Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, Concello e propietarios no marco do acordo da Comisión Bilateral celebrada o 26 de outubro pasado relativo á Área de Rexeneración e Renovación Urbana núcleo de Vilar de Santos, do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021; o concello de Vilar de Santos aprobou as bases reguladoras da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas na ÁRI, que significa unha nova fase para as actuacións previstas cunha inversión prevista de 80.632 euros.
A Área de Rehabilitación Integral-ARI agora Área de Rexeneración e Renovación Urbana núcleo de Vilar de Santos foi declarada con data 21 de xuño de 2011, polo IGVS é un Proxecto Municipal que delimita un ámbito e unhas prioridades de rehabilitación no que están incluídas vivendas, construcións complementarias, equipamentos, ademais das rúas e os espazos públicos que conforman o núcleo de Vilar de Santos.
A nova fase de subvencións permitirá afrontar actuacións de rehabilitación na estrutura das vivendas, na mellora da eficiencia enerxética e da mellora da accesibilidade coas axudas económicas previstas na ordenanza, en vivendas incluídas no ámbito da ARI. O Concello canalizará toda a información e a xestión das axudas a través da Oficina de Rehabilitación. A súa principal función será facilitar e ofrecer un asesoramento técnico continuado, informes e memorias de obras, así como a tramitación de toda a documentación. A convocatoria de axudas estará vixente ata o próximo 22 de abril.
Na primeira convocatoria de subvencións para a rehabilitación da ARI, culminada no ano 2015, aprobáronse as Bases reguladoras que permitiu actuacións en once vivendas. Unha nova fase no 2016 permitiu obras en tres vivendas mais. Na anualidade 2017 houbo unha nova vivenda rehabilitada.
Outra das prioridades de actuación na Area de Rehabilitación Integral é a urbanización e mellora dos espazos públicos que a conforman, polo que nestes momentos temos en execución o Proxecto de mellora e humanización na rúa da Saínza, a rúa do Forno e a rúa do Pasadizo, cun investimento total de 215.000 euros. Unha primeira fase do Proxecto de mellora xeral no resto das rúas e espazos públicos.
A ARI de Vilar de Santos foi e segue a ser unha actuación pioneira e innovadora. Vilar de Santos é o único municipio rural da provincia que conta cunha Área de Rehabilitación Integral deste tipo. Para o grupo de goberno do concello, significa darlle continuidade a un ambicioso proxecto de recuperación adaptado á nosa realidade, poñendo en valor os entornos e as zonas deterioradas con novas funcionalidades para garantir a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas seguindo co proceso de rehabilitación iniciado baixo iniciativa pública e privada, co obxectivo primordial de evitar o abandono e revitalizar o entorno e fixar e atraer poboación.