O Concello de Vilar de Santos executou o proxecto de “Mellora da eficiencia enerxética na iluminación do Parque Empresarial de Santa Marta”por un importe global de 49.420,18 euros. O proxecto contou cunha financiación de 39.536,14 euros por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria para axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais. Os 9.884,04 euros restantes, foron aportados polo concello.
O Concello elaborou un Estudio de Sustentabilidade Ambiental da iluminación pública municipal, realizado en novembro do 2016. Un instrumento de planificación, xestión e seguimento que ordena de xeito integral os esforzos a realizar en materia de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público de todo o municipio para coñecer o xeito de explotación, funcionamento e prestacións das instalacións, o estado dos seus compoñentes, consumos enerxéticos e custos, co obxecto de mellorar a eficiencia e o aforro enerxético destas instalacións e reducir o consumo e o gasto económico e adecuar e adaptar as instalacións ás novas normativas con sistemas mais eficientes, con aforros inmediatos e significativos ao tempo que reforzamos o gran nivel de servizos do Parque Empresarial.
Desta maneira procedeuse á substitución de 76 luminarias de vapor de sodio de alta presión por lámpadas con tecnoloxía LED regulable e a modificación e mellora do centro de mando e control que van permitir reducir nun 68 % o consumo enerxético e a potencia nun 50%. Ademais, supón unha redución de emisións de CO2 en 13.999,30 kg/ano e un aforro económico directo segundo prezos de mercado en torno ao 34%.