RESOLUCIÓN DE ALCALDÍA POLA QUE SE DECLARA LOITO OFICIAL POLO FALECEMENTO DE D. MIGUEL FERNANDEZ GRANDE (CURA DE PARADA).

Como testemuño da dor dos veciños e veciñas do Concello de Vilar de Santos, e dun xeito moi especial da Parroquia de Parada, polo falecemento de D. Miguel Fernández Grande (cura desta parroquia desde agosto de 1969 ata febreiro de 2018 e Fillo Adoptivo deste Concello).

Máis aló da merecida e humilde homenaxe que como veciños e veciñas xa lle fixemos, o que queremos é deixar constancia do noso afecto sincero a un home bo. Este obrigado recoñecemento á figura de Don Miguel, pretendemos que sexa unha forma de contribuír, desde a tolerancia e o respecto, á construción dunha sociedade máis xusta, máis aberta e máis solidaria. Don Miguel, sempre estivo a carón dos máis humildes fronte a calquera tipo de inxustiza e discriminación, nunca deixou de estar coa xente maior, cos enfermos, cos que precisaban máis axuda e fixo entrar nas nosas conciencias outros temas e realidades de calquera parte do mundo.

Xustiza, liberdade e tolerancia, porque Don Miguel foi ante todo un home comprometido cos seus veciños e veciñas, co seu tempo, co progreso da nosa terra e coa nosa cultura e sobre todo coa nosa lingua ao longo destes anos, a lingua que nos fai ser como somos, sen renunciar. Sempre, sen forzar nunca a orde natural das cousas. Sempre, desde a súa condición dun veciño máis, sen que esta maneira de ser cuestionase para nada a súa función de cura da parroquia, sen que ninguén puidese dubidar do seu acaído facer como persoa de enraizadas crenzas cristiáns, ao tempo que transmitía un profundo respecto por outras maneiras de pensar e de entender as cousas, que nos axudou a ver o mundo dun xeito distinto e contribuíu tamén a facernos máis bos e mellores.

D. Miguel foi unha arela de esperanza, de confianza no futuro. Neste día triste do seu pasamento, renovamos o compromiso iniciado o último día de agosto do 1969, con ese vínculo con D. Miguel Fernández Grande que perdurará para sempre coa parroquia de Parada e o resto dos veciños e veciñas do Concello de Vilar de Santos.

Sempre na lembranza. Polo tanto,

RESOLVO:

PRIMEIRO.- Declarar día de loito oficial, mañá día 11 do presente mes de Xaneiro.

SEGUNDO.- Mostrar a nosa condolencia e solidariedade e a de todos os veciños e veciñas do Concello de Vilar de Santos coa familia de D. Miguel Fernández Grande.

Pin It on Pinterest

Share This