IV EDICIÓN DO PREMIO PEDRA ALTA 

Que concede o Padrado do Museo da Limia (Vilar de Santos) a persoas ou entidades, cuxa obra ou labor é capaz de proxectar unha pegada merecente de consideración nas Terras do Limia, ou fóra delas, se a súa a nacenza acontece neste territorio.


A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos), a proposta do seu Consello Asesor, na xunzanza celebrada o pasado sábado día 6 de novembro, acordou concederlle o PREMIO PEDRA ALTA 2021, na súa IV edición á asociación LIMISI.

LIMISI é unha asociación sen ánimo de lucro que opera na comarca da Limia para a promoción de persoas con Diversidade Funcional (DF).

O fin prioritario é, por tanto, mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional, potenciando o pleno desenvolvemento das súas capacidades individuais, actuando directamente no ámbito das súas competencias. É a busca e consecución da plena integración, velando pola salvagarda dos seus dereitos en todos os aspectos da vida: educativos, formativos, psicolóxicos, legais, laborais, recreativos, deportivos, etc, mediante o apoio a estas persoas e as súas familias e a sensibilización da sociedade.

Os cinco servizos principais son:

  • Centro Ocupacional Comarcal LIMISI (o Centro ten capacidade para 20 persoas usuarias. No ano 2020 deulle servizo a 19 persoas). 
  • Intervención Socio-educativa (este servizo é unha novidade introducida no 2020 e foi ofertado a diferentes concellos da Provincia de Ourense (ten como fin principal dar apoio e prestar servizo a aquelas persoas con diversidade funcional que se atopan nunha situación de estancamento no seu desenvolvemento persoal e en risco de marxinación). 
  • Gabinete Educativo-Rehabilitador LIMISI. 
  • Información, asesoramento e orientación a familiares de persoas con diversidade funcional. 
  • LIMISI Fogar.

Está integrada por persoas con diversidade funcional, e os seus familiares e/ou titores como socios (64 socios numerarios) e conta amais con socios colaboradores (350 socios), persoas sensibilizadas cos seus obxectivos que contribúen eficazmente ao desenvolvemento das capacidades e normalización das persoas con diversidade funcional. Tamén dispón dn equipo de voluntariado formado que presta a súa importante colaboración: 11 voluntarios europeos, unha durante 12 meses, e 10 puntuais, derivados de diferentes programas de voluntariado. Empresas e entidades que apoian, colaboran e impulsan o noso traballo.

Dende o seu nacemento, vén impulsando unha dupla acción: un Centro Ocupacional para persoas con Discapacidade Intelectual (DEI) de ámbito comarcal e un Gabinete Educativo-Rehabilitador para persoas con necesidades especiais e/ou DF.

Os destinatarios directos son, xa que logo, persoas con DF e máis concretamente DEI moderada, sen restriccións severas na súa mobilidade, maiores de idade e as súas familias. O principal obxectivo da asociación é conseguir ou facilitar os apoios necesarios para a defensa e a mellora dos dereitos e da calidade de vida das persoas con DF e das súas familias.

Para iso procuran unha inserción real, social e laboral, dos mesmos e atenden ás súas familias informando, orientando e formando; e buscan un cambio na sociedade limiá e un sitio nela para as persoas con DF. Desde a asociación e máis concretamente desde o Centro Ocupacional desenvólvense actividades específicas de formación ocupacional (agricultura, encadernación, costura, pintura decorativa, mecánica, secretariado,…) Outras de formación (lecto-escritura, manexo de diñeiro, habilidades sociais, saúde e hixiene, actividades básicas da vida diaria…) adaptadas ás necesidades de cada individuo. E por último actividades de lecer e no tempo libre (cinema, teatro, xogos, deporte, baile, excursións, campamentos,…)

No 2002 un grupo de pais, nais e persoas con discapacidade intelectual comezan o seu labor na Casa da Cultura de Xinzo, impulsando algunhas actividades para non ter que desprazar os seus fillos a un centro de actividades de Ourense ou se for o caso levalos incluso máis lonxe. No ano 2006 nace LIMISI coa actual configuración. Ultimamente dispón de cinco traballadoras que atenden a un total de 11 usuarios no Centro Ocupacional. A asociación nace para aumentar a autonomía das persoas da comarca con diversidade funcional de tipo intelectual e así asegurarlles un futuro para o momento no que as súas familias poidan continuar facéndose cargo delas. As súas actividades e accións céntranse basicamente no Centro Ocupacional, onde traballan a cotián cos usuarios. Xunto co Centro Ocupacional, Limisi ofrece tamén un servizo paralelo chamado Gabinete Educativo Rehabilitador, no que atenden a persoas con problemas de comportamento, conduta ou fracaso escolar; e onde as mesmas traballadores chegan a prestar atención a un total de 30 usuarios e usuarias.

Nos últimos anos veñen desenvolvendo diversas actividades, tales como obradoiros, exposicións artísticas, talleres de actividades , elaboración de agasallos, calendarios e mercados solidarios que lle axudan a subsistir como entidade. No pasado verán foron contratados polo concello de Xinzo para o mantemento das piscinas municipais.

Aprenden a cociñar, fan traballos de costura, plantan hortas e practican deporte. Tamén fan diversas actividades formativas e outras da vida diaria, como estimulación ou conversación, potenciando o contacto dos membros do grupo. Os venres pola tarde están dediados ó ocio e é o tempo de saír a tomar algo, ver unha película ou facer xogos grupais.

Esas tarefas así como o traballo continuo a prol de personas con capacidade disfuncional na comarca da Limia, a súa loita incesante por seren autosuficientes e non ter que depender das administracións públicas ou das entidades bancarias, o compromiso por conseguir vivir do seu traballo e das aportacións dos socios e dos usuarios, é a razón determinante para que a Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia lle dera firmeza á proposta unánime do Consello Asesor, ao acordar concederlle o PREMIO PEDRA ALTA de 2021, na súa IV edición á asociación LIMISI, no afán de que o seu traballo cale de maneira determinante na sociedade limiá, facéndoa máis solidaria e máis igualitaria, ao tempo que insta ás institucións públicas a prestarlle a atención adecuada e ás entidades privadas e á veciñanza da nosa comarca a que incrementen os esforzos na súa plena integración. 

[A entrega do galardón, unha réplica en granito da Pedra Alta (aportación altruísta do noso escultor Xosé Lois Carreira) acompañada dun diploma acreditativo, diseñado por Manolo Seoane e Lola Peláez, terá lugar nun acto público solemne que se celebrará no Museo da Limia e no salón multiusos do concello de Vilar de Santos, o vindeiro sábado día 20 de novembro. Como vén sendo habitual o acompañamento musical correrá a cargo do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón. A xornada festiva concluirá cun xantar (un cocido limiao) no restaurante Novaíño, patrocinador do evento dende a primeira edición, custeado polos asistentes que decidan acompañarnos.]

Pin It on Pinterest

Share This