Na mañá do 27 de abril o alcalde Antonio Miguez presentou, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o tenente de alcalde de Allariz, Bernardo Varela, o campo de voluntariado que terá lugar este verán impulsado por ambos concellos.
Baixo o nome de Sapere Aude («Atrévete a coñecer»), o campo de voluntariado de Vilar de Santos e Allariz estréase este ano na campaña de verán da Xunta de Galicia. Xirará ao redor dos valores da Reserva da Biosfera e o patrimonio cultural e ambiental dos nosos municipios, coa pretensión ademais de que xoves de entre 18 e 30 anos adquiran coñecemento sobre estes valores e vivan unha grande experiencia persoal. Realizaranse traballos no castro da aldea de Saa, e tamén actividades de escavación e reforzo do antigo castelo de San Salvador dos Penedos, en Allariz.
Na presentación, Antonio Miguez agradeceu a concesión do campo de voluntariado á Xunta de Galicia e asegurou que a mesma supoñerá a consolidación do plan de dinamización da aldea de Saa, recentemente recuperada.
O campo de voluntariado Sapere Aude conta con 15 prazas, que poden solicitarse dende o 15 de abril ata o 2 de maio a través do formulario da páxina de Xuventude: http://xuventude.xunta.es/
Fonte da imaxe: Xunta de Galicia.