O Concello de Vilar de Santos, en colaboración cos concellos de Vilar de Barrio e Allariz, ven de clausurar o Obradoiro de Emprego desenvolvido ao longo dos últimos nove meses, no que se formaron 20 participantes en dúas especialidades con alta demanda laboral: albanelería e xardinería.
No acto de entrega de diplomas participaron Rubén Colmenero, alcalde de Vilar de Santos; María Cristina Cid Fernández, alcaldesa de Allariz; Soraya Briz Cid, tenente alcaldesa de Vilar de Barrio; e Marta Vázquez en representación da Consellería de Emprego.
Desde o Concello de Vilar de Santos queremos expresar o noso agradecemento a todas as persoas implicadas —alumnado, equipo docente, persoal de apoio e institucións colaboradoras— por facer posible este proxecto.
A clausura non marca un final, senón o comezo dunha nova etapa de oportunidades profesionais para o alumnado e un exemplo de como a formación no territorio contribúe ao desenvolvemento do noso rural.


