O Padroado do Museo da Limia convoca un certame literario para conmemorar o 20º aniversario do pasamento de Antón Tovar e seguir reivindicando que a RAG lle dedique o Día das Letras Galegas.
Contará co patrocinio do Balneario de Cortegada e o Hotel Bienestar Termas de Monçao (Tesal Explotación SL).
O Museo da Limia vén promovendo desde o ano 2021, centenario do nacemento de Antón Tovar, unha serie de iniciativas encamiñadas a difundir a obra tovariana e a demandar a dedicación do Día das Letras Galegas ao poeta da Pereira. No ano 2022 foi entregado na sede da Real Academia Galega un completo expediente que recollía varios centos de sinaturas de adhesión da cidadanía e numerosos documentos que se manifestaban neste sentido.
A comezos de 2023, a editorial Galaxia publicaba unha antoloxía poética do autor, edición a cargo de Delfín Caseiro, con magnífico prólogo do profesor e académico Xesús Alonso Montero, destinada prioritariamente ao público escolar.
Este ano 2024, cando se van cumprir 20 anos do pasamento do escritor limiao, parece oportuno volver insistir nesa petición de recoñecemento por parte da academia da lingua. A obra poética e narrativa de Antón Tovar, feita de autenticidade e alta calidade literaria, mantén plena vixencia nos nosos días. A convocatoria deste certame literario Antón Tovar por parte do Museo da Limia quere ser unha nova chamada á sociedade galega para que valore o extraordinario legado creativo do autor ourensán.
BASES DO CERTAME LITERARIO «ANTÓN TOVAR»
O Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos) convoca o Certame Literario «Antón Tovar», con motivo do 20º cabodano do pasamento do poeta limiao, que se axustará ás seguintes BASES:
- A participación está aberta a cantas persoas o desexen, cun máximo de dúas obras por autoría.
- As creacións, orixinais e inéditas, escritas en lingua galega, poderán ser en prosa ou en verso, cunha extensión máxima de 400 palabras para os textos prosísticos e de 30 versos para as composicións poéticas.
- A temática dos textos ten que glosar algún(s) aspecto(s) da obra e da persoa do escritor e/ou da súa relación co territorio limiao.
- As creacións estarán escritas en formato DIN A-4, letra tipo Times New Roman de 12 puntos e interliñado 1,5.
- As obras, con lema e sen nome do autor/a, enviaranse por triplicado a este enderezo: Certame Literario Antón Tovar. Museo da Limia, Rúa de Celanova, nº 63. 32650 – Vilar de Santos (Ourense). Nun sobre pechado no que figure o lema, introducirase o propio lema, unha copia do documento de identidade e un teléfono de contacto do/a participante.
- O prazo de presentación dos traballos abranguerá até o día 20 de maio de 2024.
- Establécese un único premio, patrocinado polo Balneario de Cortegada e o Hotel Bienestar Termas de Monçao (Tesal Explotacións SL), consistente nun bono para pasar unha fin de semana, antes do 31/12/2024 para unha parella, en pensión completa, no Hotel Bienestar Termas de Monçao (Portugal). A data será elixida polo/a premiado/a e adaptarase ás dispoñibilidades do establecemento.
- O xurado estará formado por cinco membros designados pola Xunta Directiva do Museo da Limia.
- O fallo do xurado, que non admite apelación, farase público o día 4 de xuño, data do pasamento de Antón Tovar.
- A entrega do premio será o día 15 de xuño, nun acto de lembranza do poeta da Pereira no Museo da Limia.
- A creación premiada será publicada na revista Tempos Novos, que colabora con este certame.
- A participación no certame literario Antón Tovar implica a total aceptación das presentes bases.
Pódense descargar estas bases na web do Museo da Limia.