? Aula de Natureza e de Interpretación da ZEPA A Limia
A aldea didáctica de Saa acolle un espazo único para achegarse á riqueza ambiental da nosa contorna: a Aula de Natureza e de Interpretación da Rede Natura 2000 – ZEPA A Limia. Este espazo foi renovado e recuperado co obxectivo de divulgar os valores naturais, paisaxísticos e culturais dunha das zonas húmidas máis importantes de Galicia. A través de paneis informativos, fotografías, materiais didácticos e elementos expositivos, a aula explica:
- A importancia da ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) da Limia.
- A biodiversidade dos hábitats asociados aos sistemas agrarios tradicionais e ás zonas húmidas.
- As especies singulares que habitan este espazo, moitas delas en perigo de desaparición.
- O papel do ser humano na conformación da paisaxe limiá e o equilibrio necesario entre uso e conservación.
Este proxecto forma parte dun traballo máis amplo de posta en valor do territorio, promovido polo Concello de Vilar de Santos e o Museo da Limia, que aposta por un modelo de desenvolvemento sostible e de educación ambiental. A aula está pensada para ser visitada por centros educativos, grupos, familias e todas aquelas persoas interesadas na natureza e no territorio. Convidámoste a coñecela e a descubrir todo o que agochan as chairas da Limia.




