Nunha mañá chuviosa deste último sábado de novembro, tal e como o ano pasado e no mesmo lugar, o salón multiusos do Concello de Vilar de Santos, tivo lugar o acto de entrega do premio Pedra Alta 2018 que desta volta recaeu nas mans do Catedrático de Historia Antiga e profesor Antonio Rodríguez Colmenero (1936, Lucenza – Cualedro).
A Xunta Directiva do Museo Etnográfico da Limia, quen concede o premio a proposta do Consello Asesor da mesma entidade subliñou o fondo compromiso que coas terras bañadas polo Limia mantivo e mantén o profesor Colmenero de quen destacaron, entre outros, o seu traballo no campamento romano de Aquis Querquennis e a prol da posta en valor da Vía Nova. Rodríguez Colmenero é a segunda personalidade homenaxeada con este galardón Pedra Alta trala primeira edición en que o homenaxeado fora D.Elixio Rivas Quintas.