O Concello de Vilar de Santos informa de que o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) vén de abrir o prazo para presentar solicitudes de participación no seu Programa de Turismo para persoas maiores, correspondente á tempada 2025-2026.
Este programa ten como obxectivo ofrecer oportunidades de lecer e socialización ás persoas maiores a través de viaxes a distintos destinos de costa e interior, tanto na península como nas illas.
Requisitos para participar:
Poderán solicitar a súa participación no programa as persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións:
- Pensionistas de xubilación do sistema da Seguridade Social española.
- Pensionistas por incapacidade permanente.
- Persoas viúvas con 55 anos cumpridos ou máis.
- Outros pensionistas e prexubilados, con 60 anos cumpridos.
- Non padecer alteracións graves de comportamento que poidan dificultar a convivencia durante as viaxes.
- Poder valerse por si mesmas ou ir acompañadas dunha persoa coidadora.
- Tamén pode participar o/a cónxuxe ou parella de feito da persoa beneficiaria, así como un/unha fillo/a con discapacidade superior ao 45 %.
Prazo de presentación de solicitudes:
? Do 1 ao 23 de xullo de 2025
Non será necesario presentar solicitude para aquelas persoas que xa estiveron acreditadas en campañas anteriores e non queiran modificar os seus datos persoais ou preferencias. Aquelas que desexen participar por primeira vez ou actualizar información deberán cubrir unha nova solicitude dentro do prazo establecido.
Esta acreditación permitirá acceder á convocatoria de prazas de viaxes que o Imserso ofrecerá durante a tempada 2025-2026.
Para máis información ou axuda coa tramitación, poden dirixirse ás oficinas do Concello ou consultar directamente a páxina oficial do Imserso.

