A Escola Infantil de Vilar de Santos é un servizo público, de titularidade municipal e xestión directa por parte do concello, que pon á disposición das familias 20 prazas para crianzas ata os 3 anos de idade. Por primeira vez, desde este curso 2022-2023 a inscrición será de balde para todas as nenas e nenos. As persoas interesadas non teñen que facer nada para que lle apliquen a gratuidade na escola infantil, será directamente o centro quen a formaliza ao estar este adherido á rede de escolas infantís da Xunta de Galicia.
![](https://www.vilardesantos.gal/wp-content/uploads/2022/02/CARTEL_GRATUIDAD_escola-red-212x300.jpg)
A partir do curso 2022/23, a Escola Infantil é gratuíta para todos os matriculados.
O centro conta con persoal especializado que atende ás demandas dos máis pequenos de oito da mañá a catro da tarde. Un amplo horario deseñado para facilitar a conciliación familiar pero tamén para acompañar aos menores no seu desenvolvemento como afirma Remedios Cid, unha das educadoras do centro: «Na escola infantil acompañamos a cada crianza no seu desenvolvemento integral. Ademais de proporcionar actividades e materiais adecuados ao seu momento evolutivo, creamos un entorno de seguridade emocional. Entorno que fomenta a súa autonomía, e polo tanto repercute nunha mellor autoestima».
A escola foi recentemente reformada polo Concello de Vilar de Santos, contando cunha aula de infantil, zona de xogo, zona de gateo, unha zona de berces e un grande patio exterior de 250 metros cadrados delimitados no seu perímetro. Un lugar ideal para aprender xogando con todos os coidados necesarios.
Desde a súa apertura no ano 2013 máis dun cento de nenos ten pasado polas súas instalacións. Na actualidade, cunha decena de menores matriculados, a Escola Infantil de Vilar de Santos segue medrando, con melloras continuas na instalación pero tamén con novas metodoloxías de ensino e aprendizaxe implantadas polo seu equipo de profesionais da educación.
Reserva de praza na Escola
As persoas interesadas en reservar unha praza para o próximo curso escolar teñen que formalizar as súas solicitudes segundo o modelo normalizado que poden atopar na páxina web do Concello de Vilar de Santos ( https://www.vilardesantos.gal/escola-infantil/ ) ou nas propias instalacións municipais. Para máis información poden poñerse en contacto vía telefónica no 988447109.
As inscricións permanecerán abertas ata completar as prazas da Escola.