Ofértanse 20 prazas para nenos e nenas de ata os 3 anos de idade nun amplo horario deseñado para facilitar a conciliación familiar. O prazo de inscrición manterase aberto ata o 17 de abril.

En Vilar de Santos, 17 de marzo de 2021.- A Escola Infantil de Vilar de Santos é un servizo público, de titularidade municipal e xestión directa por parte do concello, que pon á disposición das familias 20 prazas para crianzas ata os 3 anos de idade. O custe da inscrición varía dependendo da xornada escollida (media ou completa), sendo gratuíto para o segundo fillo e sucesivos.

O centro conta con persoal especializado que atende ás demandas dos máis pequenos de oito da mañá a catro da tarde. Un amplo horario deseñado para facilitar a conciliación familiar pero tamén para acompañar aos menores no seu desenvolvemento como afirma Remedios Cid, unha das educadoras do centro: «Na escola infantil acompañamos a cada crianza no seu desenvolvemento integral. Ademais de proporcionar actividades e materiais adecuados ao seu momento evolutivo, creamos un entorno de seguridade emocional. Entorno que fomenta a súa autonomía, e polo tanto repercute nunha mellor autoestima

A escola foi recentemente reformada polo Concello de Vilar de Santos, contando cunha aula de infantil, zona de xogo, zona de gateo, unha zona de berces e un grande patio exterior de 250 metros cadrados delimitados no seu perímetro. Un lugar ideal para aprender xogando con todos os coidados necesarios.

Desde a súa apertura no ano 2013 máis dun cento de nenos ten pasado polas súas instalacións. Na actualidade, cunha decena de menores matriculados, a Escola Infantil de Vilar de Santos segue medrando, con melloras continuas na instalación pero tamén con novas metodoloxías de ensino e aprendizaxe implantadas polo seu equipo de profesionais da educación.

«Vivir no rural non debe ser sinónimo de falta de oportunidades. Esa é a máxima coa que traballamos dende o Concello. Non nos resignamos e demostramos que é posible poñer en marcha novos proxectos e servizos, planificados e comprometidos coa realidade do mundo rural e cun ensino de calidade, contextualizado e dinamizador do medio. A nosa contribución para frear o devalo demográfico é poñer ao dispor da veciñanza idénticos servizos aos que poderían encontrar en calquera cidade. A Escola Infantil é unha nova alternativa, outra aposta de futuro máis e neste momento reforza toda a dotación de infraestruturas e equipamentos públicos do concello de Vilar de Santos para facer fronte ás novas demandas, frear o envellecemento e seguir avanzando na calidade de vida e o benestar e tamén xerar atractivo para persoas que queiran establecerse entre nós», afirma Xan Jardón, alcalde de Vilar de Santos.

As persoas interesadas en reservar unha praza para o próximo curso escolar teñen de prazo ata o 17 de abril para formalizar as súas solicitudes segundo o modelo normalizado que poden atopar na páxina web do Concello de Vilar de Santos (https://www.vilardesantos.gal/escola-infantil/) ou nas propias instalacións municipais. Para máis información poden poñerse en contacto vía telefónica no 988447109.

 

Pin It on Pinterest

Share This