• O Concello de Vilar de Santos remata a primeira fase de recuperación da Aldea de Saa para reconvertela nun espazo para a divulgación da experimentación e aprendizaxe do pasado.
  • As obras, co-financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, consistiron no saneamento das edificacións, mellora do entorno e recuperación paisaxística, contando incluso cun mural do artista ourensán Mon Devane. Unha escavación arqueolóxica, a creación dun centro de recepción de visitantes e unha aula didáctica, pecharon os traballos que contaban cun orzamento total da actuación que ascende a 29.505,92€ e do que o Concello de Vilar de Santos contaba cunha porcentaxe de axuda do 80% (23.189,20€). 
  • Un congreso promovido polo Museo Etnográfico da Limia e un campo de voluntariado internacional promovido polo Concello de Vilar de Santos, en colaboración co Concello de Allariz e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, primeiras experiencias para encher de vida as instalacións recuperadas.

En Vilar de Santos, 17 de abril de 2023.- A aldea de Saa, moi próxima á capital do municipio de Vilar de Santos, foi abandonada no ano 1969. Na primeira década do século XXI asinábase un convenio entre a Consellería de Industria da Xunta de Galicia e o Concello de Vilar de Santos para a súa recuperación turística. Pretendíase daquela a construción dun edificio para cantina e restaurante, apartamentos, unha oficina de información turística, espazos de artesanía, forno, hortas e a posta en valor doutros espazos e elementos de interese etnográfico.

Con ese horizonte redactaríase un Plan Especial de recuperación do núcleo e acometeríanse obras de restauración nos seguintes anos. O obxectivo pasaba por recuperar as edificacións para que no futuro puideran desenvolverse actividades ligadas ao sector turístico, tamén como aula de formación e, incluso, a instalación dun mesón e aloxamentos para turismo rural. Actuacións encamiñadas á posta en valor dos recursos que axudaran a revalorizar os recursos naturais do municipio.

Malia a ter completada a restauración das unidades construtivas o proxecto de explotación da aldea de Saa nunca foi concluído. Permanecendo estas pechadas durante anos e sendo vítimas de ataques vandálicos e roubos. Resultando como consecuencia un problema de seguridade e salubridade para o enclave natural no que se empraza.

Procurando reverter esta situación o Concello de Vilar de Santos encetaría un novo proxecto que permitira recuperar o patrimonio natural e cultural asociado ao núcleo etnográfico ao tempo que promovera a súa dinamización futura para que non volvera a caer no abandono. Redactouse un proxecto de recuperación patrimonial, paisaxística e mellora do entorno do núcleo de interese etnográfico e arqueolóxico da Aldea de Saa para concorrer á convocatoria da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pola que se convocan subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local participativo) da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2021 e 2022, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. (Procedemento MR701D – Axudas LEADER. PDR de Galicia 2014-2020). O orzamento total da actuación ascendía a 29.505,92€ e o Concello de Vilar de Santos contaba cunha porcentaxe de axuda do 80% (23.189,20€).

Un primeiro paso necesario que non será o derradeiro

O mal estado previo dalgunhas das edificacións obrigou a acometer importantes actuacións de saneamento, recuperación paisaxística e mellora do entorno sobre todo o conxunto e sobre cada unha das edificacións en particular. Dende a alcaldía do Concello de Vilar de Santos, Antonio Miguez, insiste en que o traballo feito foi só un primeiro paso necesario para frear o deterioro que estaba sufrindo o lugar pero que non debe ser o derradeiro. “Fomos quen de frear o deterioro do lugar e facer algunhas actuacións de mellora, agora toca encher de vida e actividades a aldea e que toda a veciñanza sinta o lugar como seu. Na mesma liña manifestábase Marosi Saburido, Presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Arracada, quen se comprometía a promover actividades no lugar.

Primeiras actividades na aldea didáctica SApere Aude

O Parque Didáctico SApere Aude pretende emerxer como un espazo para a divulgación da experimentación e aprendizaxe do pasado. A actuación realizada pretende crear un entorno atractivo para colectivos de infancia e xuventude no que coñecer de primeira man como eran os procesos de elaboración e uso de ferramentas no pasado, os tecidos, a cerámica, os oficios, o traballo no agro, a relación co medio, etc. Temáticas asimilables ás expostas no Museo Etnográfico da Limia, situado a poucos metros do propio núcleo de Saa. Actuando ambos espazos así como elementos complementarios nunha mesma visita didáctica ao lugar. Con esta finalidade organizaranse nos próximos meses un congreso e un campo de voluntariado internacional.

 

Antonio Miguez, alcalde de Vilar de Santos, e Marosi Saborido, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Arracada, visitan a Aldea de Saa

A Aldea de Saa conta con múltiples espazos especialmente preparados para a realización de diversas actividades

Pin It on Pinterest

Share This