Cúmprense dez anos do Mercado de Artesanía e Produto Local en Vilar de Santos.
O vindeiro domingo 22 de outubro, o Mercado de Artesanía e produto local de Vilar de Santos está de décimo aniversario, e non podería haber unha programación maís variada para celebralo. Unha xornada chea de actividades, que comezará cunha demostración dos traballos do liño no patio traseiro do Museo da Limia, por parte das veciñas de Vilar de Santos que coñecen o oficio. As Xingras da Arca amenizarán estas labores coa súa música tradicional, que precederá unha sesión vermú coas Terreiras na Arca da Noe. Pola tarde, ás 16h, comezará a contada infantil de Xela, a superheroína da aldea, por parte de Inma Soto no Museo da LImia. Será ás 17h e da man das veciñas da AMR A Arracada, de Mercedes Veites (Lumecú) e de Pal.lium que comezará o faladoiro sobre o liño: Pasado, presente e futuro. Haberá unha mostra de prendas feitas con este tecido, a presentación da revista de Nova Escola Galega ás 19:30, e polas 20H pecharase a xornada cun concerto d’A banda da Loba na Arca da Noe.
Para participar traendo os teus produtos, podes contactar aos teléfonos 617 84 40 97 (Mercedes) ou 699486282 (Noemí). O prezo de inscrición é de 20€. Para participar no resto de actividades, o acceso será libre ata completar aforo.
- 12:30 h – Demostración do traballo do liño. Concerto das Xingras da Arca. No Museo da Limia.
- 13:30 h – Concerto: As Terreiras. Na Arca da Noe.
- 16:00 h – Contos para nenos e nenas con Inma Soto: «Quen é Xela?». No Museo da Limia.
- 17:00 h – Conversa: «Pasado, presente e futuro do liño», con Asociación de Mulleres Rurais Arracada, Mercedes de Lumecú e PAL.lium. No Museo da Limia.
- 19:00 h – Mostra de roupa de liño. No Museo da Limia.
- 19:30 h – Presentación da Revista Galega de Educación, publicación de Nova Escola Galega: «Andar cos tempos das músicas». Na Arca da Noe.
- 20:00 h – Concerto: A Banda da Loba. Na Arca da Noe.
Dez anos apoiando emprendemento que aposta pola economía local, por outras canles de comercialización que garanten mellores condicións tanto para quen compra como para quen vende. Dez anos apoiando produtos máis baratos, máis saudables, mais beneficiosos para nós e para o noso entorno. Dez anos apoiando a que se xeren unhas condicións de vida dignas para quen traballa no campo. Dez anos contribuíndo a reducir emisións e a coidar do medio que nos rodea. Dez anos gañando cara a cara, reconstruíndo lazos comunitarios, co territorio e co seu desenvolvemento económico.
Porque o teu cesto da compra vale tanto como o teu voto. Ti decides por que modelo apostar! O prezo xa non é unha excusa! Apoia a túa feira, mercado local, pequeno comercio. Achégate a Vilar de Santos este domingo 22. E vén pasalo ben, por suposto!