O Concello de Vilar de Santos aprobou no pleno do 1 de febreiro o orzamento para o ano 2018 que ascende a 1.020.000 euros, cun incremento do 30% máis respecto do 2017.

Globalmente as actuacións de protección e promoción social, os servizos públicos básicos, educación, cultura e outros programas  representan a maior parte do orzamento. En cifras, o gasto de persoal do concello supón o 36%, 329.450 euros, co que xestionamos directamente  tódolos servizos municipais para atender as novas necesidades xurdidas e reforzar a atención dos servizos sociais comunitarios e outros como a Escola Infantil. Os gastos correntes significan o 21,9%, 224.290 euros, un 3,8% menos que no ano 2017,  logrados grazas ao control e racionalización do gasto. Reforzamos a inversión produtiva, cun incremento do 73% respecto do 2017, destinando a investimentos públicos 411.917 euros, o 40% do orzamento, para consolidar e financiar máis proxectos.

Ademais as taxas e impostos municipais para 2018 permanecerán conxeladas, o mesmo que no 2015, no 2016 e no 2017 o que implica un maior esforzo económico e de xestión. Os posibles aumentos nos custes dos servizos non serán repercutidos aos veciños e serán asumidos polo concello. Podemos facelo. De feito, introducimos modificacións fiscais na Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre bens inmobles- IBI, na Ordenanza reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras – o ICIO e na Ordenanza reguladora do imposto sobre Actividades Económicas- IAE, fixando bonificacións ata o 95% para proxectos novos ou ampliacións dos existentes que creen emprego durante un período de 3 anos, que vai permitir  a adhesión do Concello á iniciativa “Concellos Doing Business Galicia” entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia. Pretendemos dinamizar e incentivar e axudar ás empresas e novos proxectos e negocios e ó mesmo tempo xerar atractivo para as persoas que queiran vivir e establecerse en Vilar de Santos.

 Cuestións relevantes tamén son que a débeda pública do concello é cero, a inexistencia de ningún plan de axuste e de ningunha débeda con provedores.

Son uns orzamentos consolidados, equilibrados, cunha clara vocación inversora- o 40% do orzamento-  para levar a cabo proxectos que van permitir reforzar a aposta do Goberno municipal de Vilar de Santos para garantir servizos públicos de calidade e consolidar o aproveitamento e posta en valor dos recursos locais para seguir impulsando o noso modelo de desenvolvemento e benestar, co obxectivo de frear o envellecemento e reducir o descenso demográfico e asentar poboación – no 2017, Vilar de Santos foi o concello da Limia con menor descenso de poboación- priorizando varias áreas de actuación:

  • Aposta polos servizos sociais municipais, públicos e excelentes. Como un instrumento básico de integración e cohesión social e de mellora da calidade de vida:
    • co reforzamento e a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar para a atención á dependencia
    • Melloras no Centro de Día e dos servizos da Escola Infantil.
    • Novos servizos para nenos e mocidade e un novo Plan de Igualdade.
  • Dinamización da actividade económica e o emprego. Para facer de Vilar de Santos un espazo atractivo para investir e crear emprego:
    • O Concello prepara a venda dun novo lote de parcelas de solo industrial dispoñible no Parque Empresarial.
    • O obradoiro de emprego e previsión de novos programas de formación e emprego para desempregados.
    • Outra medida importante: a posta en marcha do Centro de Iniciativas, agora no mes de febreiro.
  • Mellora das infraestruturas e equipamentos públicos:
    • Continuar ca rehabilitación de vivendas e espazos públicos na ARI de Vilar de Santos e no resto dos pobos
    • Proxectos de mellora na rede municipal de camiños e accesos e na rede de abastecemento e saneamento
    • Mellora das instalacións deportivas
    • Continuar co Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética, con actuacións na iluminación pública municipal
  • Valorización do noso patrimonio cultural e turístico, con actuacións previstas no Museo da Limia e noutros recursos e bens patrimoniais e turísticos do concello.

 

“Estes orzamentos son un reflexo das nosas prioridades e son indicativos da excelencia e boa xestión levada a cabo no concello, con planificación, con servizos públicos de calidade e eficientes e acometendo os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello, atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos”,

di o alcalde Xan Jardón e

“neles reflectimos o noso compromiso cunha xestión pública transparente, eficiente e solvente co diñeiro público”

Pin It on Pinterest

Share This