Con financiación do Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, Concello e propietarios; no marco do acordo da Comisión Bilateral relativo á Área de Rexeneración e Renovación Urbana núcleo de Vilar de Santos, Prorroga do Plan Estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, anualidade 2017 asinouse o convenio que significa unha nova fase para as actuacións previstas na ÁRI de Vilar de Santos cunha inversión  prevista de 117.714,28 euros.

A Área de Rehabilitación Integral-ARI, agora Área de Rexeneración e Renovación Urbana de Vilar de Santos foi declarada con data 21 de xuño de 2011, polo IGVS que delimita un ámbito de actuación de 147.981 m² no que están incluídas vivendas, construcións complementarias, así como diversos equipamentos.

Na primeira fase da ARI, culminada no ano 2015, aprobáronse as Bases reguladoras da primeira convocatoria de subvencións para a rehabilitación que permitiu actuacións en once vivendas. Unha nova fase no 2016 permitiu obras en tres vivendas mais. Na anualidade 2017 houbo unha nova vivenda rehabilitada.

Nesta nova anualidade do convenio, o Ministerio de Fomento achegará a cantidade de 41.200 euros para as actuacións. Unha cantidade á que hai que engadir 11.771,42 euros da Xunta, e a inversión dos particulares. A convocatoria de axudas dirixidas aos propietarios das vivendas da Area de Rehabilitación Integral para a execución de obras, estará vixente ata o 28 de febreiro.

A nova fase de subvencións permitirá afrontar as actuacións de rehabilitación coas axudas económicas previstas na ordenanza, en 4 novas vivendas para o ámbito da ARI. O Concello canalizará toda a información e a xestión das axudas a través da Oficina de Rehabilitación. A súa principal función será facilitar e ofrecer un asesoramento técnico continuado, coordinar as actuacións de rehabilitación, redacción de informes e memorias de obras, así como a tramitación de toda a documentación.

A ARI de Vilar de Santos foi e segue a ser unha actuación pioneira e innovadora,  a única destas características na provincia de Ourense, xa que as outras, correspóndense con núcleos históricos e cidades, de aí a súa importancia e transcendencia. Vilar de Santos é o único municipio rural da provincia que conta cunha  Área de Rehabilitación Integral deste tipo.

 A Área de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos, significa darlle continuidade ao proceso de rehabilitación iniciado baixo iniciativa pública e privada, co obxectivo primordial de evitar o abandono e revitalizar o entorno e fixar e atraer poboación dentro dun proxecto planificado desde o punto de vista técnico e financeiro e favorecer a actividade económica e o emprego no concello.

Pin It on Pinterest

Share This
X