O Concello de Vilar de Santos puxo en marcha un Proxecto piloto de transporte público mediante o Taxi de uso Compartido no termo municipal de Vilar de Santos.

O obxectivo xeral desta iniciativa municipal é dotar de transporte a aquelas zonas que na actualidade carecen del. É un novo servizo, pioneiro, innovador, creado para resolver as dificultades de acceso ao transporte aos que se enfrontan diariamente os veciños despois dos problemas de funcionamento do Transporte baixo demanda. Consideramos que é a mellor alternativa posible de transporte para comunicar os distintos lugares, facilitar a mobilidade interna dentro do Concello  e poder atender e cubrir as necesidades e os desprazamentos da veciñanza, fundamentalmente persoas maiores e de avanzada idade e con problemas de mobilidade ao Centro de Saúde, ao Concello e demais servizos (banco, farmacia, supermercado,…) situados en Vilar de Santos. Tamén é boa opción en termos de sustentabilidade económica e ambiental, por atender aos usuarios mediante o uso compartido, por reducir o consumo de combustible, o que ademais implica un menor impacto ambiental e unha fórmula máis para incrementar a mobilidade sustentable.

A idea xurdiu no mes de maio, no período de alegacións ao novo Plan de Transporte da Xunta, no que propoñiamos o uso do taxi, pola falta de adecuación á nosa realidade. Existen precedentes do uso desta modalidade de transporte noutros lugares. Nós fixámonos no modelo do Concello de Candelaria en Tenerife.

O Taxi Compartido pode ser utilizado por calquera veciño compartindo viaxe con outro veciño/a nos horarios e liñas preestablecidas nas paradas dos pobos do concello nos días sinalados, os luns e xoves, excepto que sexan festivos. O Taxi Compartido opera estruturado en catro liñas con percorridos que unen todos os pobos do concello con Vilar de Santos:

  • Así a Liña 1: sae ás 8,45 horas desde Laioso, por Bréixome de Arriba, cruce Bréixome de Abaixo, A Venda, Toxediño e Vilar de Santos (Centro de Saúde e Casa do Concello) e volta ás 11,30 horas desde a Casa do Concello e Centro de Saúde.
  • A Liña 2: sae ás 8,55 horas desde Alto de Outeiro, por Parada, Castelaus polo pobo e Vilar de Santos (Centro de Saúde e Casa do Concello) e volta ás 11,45 horas desde a Casa do Concello e Centro de Saúde.
  • A Liña 3: sae ás 9,05 horas desde Casas da Veiga, por Barrio e Vilar de Santos (Casa do Concello e Centro de Saúde) e volta ás 12 horas desde o Centro de Saúde e Casa do Concello.
  • A Liña 4: sae ás 9,15 horas desde O Vieiro, A Ponte, a Pallota, Mosqueiro e Vilar de Santos (Centro Saúde e Casa do Concello) e volta ás 12,15 horas desde a Casa do Concello e Centro de Saúde.

O servizo de transporte de Taxi Compartido préstase co vehículo da Licenza de taxi Nº 1 de Vilar de Santos, que é a única existente no Concello, mediante un convenio e exclusivamente no termo municipal. Os usuarios do Taxi Compartido pagarán unha tarifa plana e única en todo o termo municipal de 1,40 euros por viaxe e usuario.

Con este proxecto, tamén intentamos que os veciños poidan ter acceso e enlazar ca nova liña regular de autobús ata Xinzo que funciona os luns.

Nesta fase de proba do proxecto agradecemos a colaboración veciñal para que nos comuniquen calquera incidencia no funcionamento do servizo. A partir do 1 de febreiro faremos os axustes definitivos para establecer as liñas e horarios adecuados á demanda real existente,  para ofrecer aos veciños un servizo de transporte rápido, cómodo e eficaz. Co lanzamento desta experiencia piloto, Vilar de Santos segue innovando e aportando ideas e solucións.

O Taxi Compartido é unha nova alternativa, unha nova aposta desde o grupo de goberno do Concello pola mobilidade para seguir avanzando na calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas de Vilar de Santos. (Xan Jardón – Alcalde)

Pin It on Pinterest

Share This
X