O Concello de Vilar de Santos participa,  xunto a outros 74 concellos e deputacións de Galicia, na campaña Concellos en Negro, – Vilar de Santos en Negro – co obxectivo de promover e facer visible o noso rexeitamento ante calquera tipo de violencia contra as mulleres con motivo do 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

Convidamos á toda a veciñanza a participar nas actividades que están en marcha, desde hoxe ata o 26 de novembro dirixidas a sensibilizar respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres. Durante estes días usaremos  o negro, símbolo do loito, en todos locais municipais, no Centro de Dia, na escola infantil, no Museo, pero tamén colaboran connosco os establecementos comerciais, os bares, farmacia, o centro de saúde, e calquera veciña ou veciño.

Tamén faremos un tratamento especifico na Web do concello e de difusión nas redes sociais.

Ademais a campaña conta cunha web “En negro contra as violencias”na que calquera persoa interesada pode descargar o material identificativo e difundilo. Deste xeito estas imaxes pódense usar nas redes sociais ou en espazos físicos. Dende o Concello de Vilar de Santos queremos expresar con firmeza, non só o noso rexeitamento ás violencias que sofren as mulleres polo feito de selo, senón tamén dar conta de que é algo que nos compromete a todas e a todos, recoñecendo a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres, os nenos e as nenas.

Hoxe, dende o Concello de   Vilar de Santos queremos reiterar o noso compromiso para loitar pola erradicación das violencias contra as mulleres; amosando, ademais, o noso firme rexeitamento de quen a exerce e da complicidade de quen as silencia.

 

ACESO A DESCARGAS DO MATERIAL DA CAMPAÑA

Pin It on Pinterest

Share This
X