O  Concello de Vilar de Santos executou varios proxectos de mellora na Rede Municipal de Augas. Estes proxectos e actuacións están incluídos nun Plan de Mellora da xestión e calidade da Rede Municipal de Abastecemento de Auga e Saneamento, e co que pretendemos seguir modernizando os servizos e infraestruturas públicas municipais en condicións óptimas, ao longo das diversas fases do Ciclo da Auga asumindo a xestión e mantemento de mananciais e captacións, dos depósitos de almacenamento, as instalacións de bombeo, a explotación da rede de distribución, a reparación de tubaxes, a potabilización, o control da calidade da auga, así como o saneamento e depuración. Todo este proceso, acométese en Vilar de Santos mediante a xestión pública directa municipal coa colaboración puntual en traballos de reparación e avarías.

 Cun investimento de 24.600 euros, rematou a execución dun proxecto de  mellora do abastecemento na ETAP da Veiguiña, con financiación de Augas de Galicia. Os traballos consistiron na construción dun novo pozo de captación e bombeo de 5 m de profundidade, a instalación de 2 bombas, cada unha delas cunha potencia de 2,4 kW e con capacidade para impulsar 10 m3/hora, as instalacións auxiliares e dispositivos precisos para o funcionamento, a conexión da canalización de impulsión ca rede da ETAP, a instalación dun cadro de mando e control, canalizacións eléctricas necesarias e o cerramento.

A Estación de Tratamento de Auga Potable- ETAP da Veiguiña, foi un proxecto executado no ano 2009 e posto en funcionamento no 2010. Un proxecto planificado de enorme transcendencia non só pola inversión realizada – 552.000 euros – senón polo servizo posto en marcha que ten permitido contar cun equipamento con instalacións de última xeración e tecnoloxía que ten garantido totalmente o abastecemento e a máxima calidade da auga nos núcleos do concello e no Parque Empresarial. Neste caso, e dada a situación de seca existente, as obras melloran e reforzan a nosa capacidade de abastecemento de auga potable.

 Tamén cunha axuda 17.122 euros da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza rematamos outro proxecto de mellora do abastecemento de auga potable na parroquia de Parada que abastece aos núcleos de Parada, Outeiro, O Vieiro, A Ponte, O Mosqueiro e Castelaus con obras nunha nova captación xa en funcionamento, redes de distribución e a súa interconexión coa Rede Municipal de Augas.

 No mes de outubro realizamos outra pequena obra, xa operativa, de mellora do abastecemento de auga cun novo bombeo e captación en Bréixome de Abaixo e a conexión coa rede de abastecemento para Bréixome de Arriba, A Venda e Toxediño, cunha inversión de 9.000 euros.

Estes proxectos e actuacións súmanse a outras xa feitas e outras previstas . Nestes últimos anos ten sido un obxectivo prioritario para o Concello e un extraordinario esforzo económico de inversión e de xestión de mais de 2,5 millóns de euros na Rede Municipal de Abastecemento de Auga e Saneamento para garantir o subministro de auga a todos os veciños e veciñas.

Na situación de seca decretada pola Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola falta de chuvia en Galicia, especialmente na nosa provincia. Non ten faltado auga, pero o Concello vai seguir tomando medidas co fin de garantir o subministro de auga con novos investimentos para o presente ano 2018 que melloren a nosa capacidade de captación e abastecemento, almacenamento e distribución da Rede Municipal de Augas para os próximos anos.

Pin It on Pinterest

Share This