A iniciativa forma parte do Plan de Igualdade e Benestar impulsado polo Concello con programas e actividades abertos á participación veciñal e dinamización social, cunha gran influencia na mellora da calidade de vida e do benestar.

O Programa de Envellecemento Activo que se ven aplicando nos últimos anos está dirixido fundamentalmente ás persoas maiores do concello, con actividades adaptadas que se desenvolverán no Multiusos da Casa do Concello todos os luns, martes e xoves.

No Programa 2018, co Centro de Día de Vilar de Santos continuaremos co proxecto “Saber envellecer: corpo san en mente sa”, semanalmente todos os luns con obradoiros de ximnasia biosaudable, andainas, memoria en movemento, bailoterapia, relaxación, xerontoximnasia, xogos cooperativos ou psicomotricidade cos obxectivos de prevención da dependencia, fomento da autonomía persoal e mantemento da saúde impartidos e dirixidos polo equipo interdisciplinar do centro: psicóloga, traballadora social, enfermeira, fisioterapeuta e xerocultora. Exercicios para a vida diaria para mellorar as dificultades propias da idade, ademais de manter o corpo e a mente en forma.

O Obradoiro de Ximnasia Activa,  semanalmente todos os martes e xoves, está dirixido por unha fisioterapeuta. Tratase de ximnasia suave adaptada aos maiores e que ten como obxectivo promocionar a autonomía persoal. Busca mellorar o seu benestar físico e emocional a través de exercicios de ximnasia adecuados a cada un dos participantes. A actividade física é un medio de prevención da dependencia e de mantemento da saúde. Preservar a saúde física, psicolóxica e social, permite conservar a autonomía durante o maior tempo posible facilitando a independencia funcional ao tempo que concienciamos á poboación da necesidade de adquirir hábitos biosaudables.

Cando o bo tempo o permita, o programa realizarase nos parques biosaudables do concello. Haberá un servizo de asesoramento para o bo uso dos aparatos baixo a supervisión da monitora. Tamén nos meses de verán, ampliaremos as actividades incorporando a psicomotricidade acuática na piscina municipal.

Por outro lado, o Concello tamén puxo en marcha neste mes unha aula de teatro infantil dirixido aos mais pequenos de 3 a 12 anos. Pretendemos ocupar o ocio e o tempo libre dos nenos, ao tempo que fomentamos a creatividade e imaxinación, a súa autoestima. Un espazo para o respecto, as emocións e os valores. Máis adiante, no transcurso do ano está prevista a representación pública dalgunha peza e do traballo feito.

Todos os días polas tardes no Multiusos os xoves do concello teñen unha cita cun espazo propio que ofrece alternativas lúdicas para o tempo libre, un espazo para a convivencia e a participación con todo tipo de actividades deseñadas por eles mesmos.

A Aula CEMIT do Concello que está incluída na rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, durante estes meses, polas tardes, organiza actividades para acercar o uso das novas tecnoloxías ou mellorar coñecementos.

Estas iniciativas complementaranse con outras actividades, cursos, conferencias programadas, que ofrecen alternativas e que fomentan a convivencia e a participación veciñal nos diferentes espazos e lugares do concello.

Pin It on Pinterest

Share This