A Reserva da Biosfera “Área de Allariz” – Concello de Vilar de Santos

A Reserva da Biosfera “Área de Allariz”

/A Reserva da Biosfera “Área de Allariz”
A Reserva da Biosfera “Área de Allariz” 2017-07-05T07:33:31+00:00

Os concellos de Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola e Allariz, emprazados no sudoeste da provincia de Ourense, foron declarados Reserva da Biosfera pola UNESCO no ano 2005.

Foi, sen dúbida, un importante recoñecemento para as iniciativas e  proxectos que se puxeron en marcha ó longo dos últimos anos, que contribuíron a aumentar a calidade de vida dos seus moradores.

As reservas da biosfera son lugares nos que a conservación e a protección da biodiversidade debe conxugarse co desenvolvemento económico e humano, así como coa investigación, a educación e o  intercambio de información entre as diferentes reservas que forman a  rede mundial.

A Area da Reserva está conformada por unha ampla depresión na que se atopa  o río Limia, arrodeada dun reborde montañoso no que destaca o macizo granítico de Allariz, por onde discorre encaixado o río Arnoia. Na Reserva, a man do home xoga un papel xa inseparable do seu futuro. Estamos ante o que se coñece como unha paisaxe humanizada, habitada desde hai moitos séculos e moldeada por usos e costumes centenarias.

Percorréndoa descubriremos zonas de ribeira como as veigas do Limia, recoñecidas pola Comunidade Europea  dentro da  Rede Natura 2000, nas que as aves  ofrécenos  interesantes oportunidades de observación e estudo.

Ademáis da fauna salvaxe tamén podemos observar unha mostra de exemplares de raza vacúa limiá no alto do monte Penamá ou dos abondosos rabaños de ovellas e cabras que colaboran coa limpeza dos montes, e que nos proporcionan  leite e carne.
Sen dúbida, contemplar os cabalos da Saínza pacendo en liberdade é unha das experiencias máis sorprendentes da Reserva.

A vila de Allariz construíu a súa vida ao redor da auga e da pedra. A auga do río  Arnoia, que abraza a vila protector, foi desde sempre a riqueza e o motor do pobo. Nos últimos anos, as casas recuperaron o seu esplendor de séculos para transformarse en centros culturais, restaurantes ou vangardistas comercios, ofrecendo como principal virtude a forza da autenticidade.

A poboación de A Bola distribúese nas ladeiras máis suaves que baixan desde o monte do Furriolo e o alto de San Cibrao, en  pequenas pero compactas aldeas, rodeadas de campos de labor e, sobre todo, de densas masas boscosas de moi variada vexetación que da lugar a fermosos contrastes de cor e formas.

Rairiz de Veiga semella ser un auténtico mosaico de prados e terras de cultivo separados por sebes arboradas, que configuran unha paisaxe agraria, resultado do equilibrio entre explotación e conservación da  natureza.

A rehabilitación da aldea de Congostro é un exemplo de recuperación arquitectónica e etnográfica que permitirá, tanto a  veciños como a visitantes, coñecer e valorar a historia do concello.

Vilar de Santos, a cabalo entre o macizo montañoso de Allariz e a chaira limiá, constitúe un bo exemplo de concello dinámico, onde o desenvolvemento industrial convive coa conservación da e das tradicións máis arraigadas que a súa poboación soubo preservar para as xeracións vindeiras

En definitiva, toda esta labor de conservación da natureza e da paisaxe, conxugada co desenvolvemento económico e social,  foi o que fixo posible a inclusión deste catro concellos na rede mundial de Reservas da Biosfera que agora te convidamos a visitar.

 

Guía da Reserva da Biosfera – “Área de Allariz” [PDF]