A Consellería do Medio Rural formalizou o pasado 22 de decembro o traspaso e cambio de titularidade de 17 parcelas do Banco de Terras que non teñen utilidade agraria, ao concello, nun acto en Santiago ca conselleira Ángeles Vázquez, o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -Agader e outros dez concellos máis.

Trátase de terreos de masas comúns de concentración parcelaria que xa contaban con permiso de ocupación e nos que xa están situadas diversas infraestruturas básicas e instalacións públicas municipais, como a área do lavadoiro e depósito de auga do Vieiro, o bombeo de auga de Outeiro, área do lavadoiro e fonte da Santa Marta, área do forno do Mosqueiro, parque da escola de Parada, o parque da escola de Castelaus, área do lavadoiro e do forno de Parada, area do lavadoiro de Outeiro, o colector- saneamento do Mosqueiro, o depósito de auga de Outeiro ou a Estación de Tratamento de Auga Potable- ETAP da Veiguiña e outros espazos menores.

Estes cambios de titularidade son posibles grazas á Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga), que facilita que estes terreos, sen utilidade agraria, pasen a ser de titularidade municipal dun xeito máis sinxelo e con menos carga burocrática e trámites que a tradicional cesión de terras que se viña realizando ata a actualidade. Con esta entrega ao concello ultímase o proceso de revisión do Banco de Terras daquelas parcelas que non eran aptas para fins agrarios.

Desde o concello, facemos unha valoración moi positiva deste acordo xa que formaliza e regulariza a situación destas parcelas e as instalacións públicas situadas nelas. Pasarán ao inventario de bens municipais o que permitirá e facilitará a realización de actuacións de mellora e inversións futuras nestas infraestruturas sen ter que agardar permisos ou autorizacións pendentes con claridade e seguridade xurídica ao tempo que poñemos de manifesto a colaboración e o compromiso institucional entre administracións, di o alcalde Xan Jardón.

Pin It on Pinterest

Share This